O dirixente socialista visita a Casa Grande de Xanceda acompañado dos deputados Pablo Arangüena, Paloma Castro e Martín Seco, así como do alcalde de Mesía, Mariano Iglesias
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu hoxe, nunha visita á granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda a busca dun novo modelo eólico “equilibrado e sostible” para Galicia.
Na súa comparecencia ante os medios, o líder socialista reiterou a aposta do PSdeG por “avanzar na transición enerxética e ecolóxica” dunha forma “equilibrada e sostible”. Por iso, defendeu que “cómpre que a Xunta dialogue e busque acordos”.
Nesta liña, Gonzalo Caballero considera que hai que revisar “o modelo de enerxía eólica que se está plantexando en Galicia”. “Hai que poñer na neveira aqueles casos nos que se pon en risco o modelo de produción local e tamén nos que non se garante un equilibrio axeitado entre a enerxía, o territorio, a paisaxe e a vida da veciñanza”, remarcou.
Por iso, anunciou que os deputados socialistas no Parlamento galego “imos seguir traballando para apostar polas renovables pero tamén por un novo modelo eólico sostible, que non implique un modelo de depredación do territorio e que, ademais, teña que pasar polo consenso”.
Nesta liña, Gonzalo Caballero incidiu en que “hai que buscar acordos coas comunidades locais e coa cidadanía que se ve máis afectada para non poñer en risco o seu modo de vida, para non poñer eólicos sen medida ao longo do territorio e, ademais, para facelo de forma que os beneficios que dean poidan chegar aos afectados e as comunidades locais”.
VISITA Á CASA GRANDE DE XANCEDA
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, fixo estas declaracións antes de realizar unha visita á granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda, onde estivo acompañado polos deputados socialistas Pablo Arangüena, Paloma Castro e Martín Seco, así como do alcalde de Mesía, Mariano Iglesias.
Alí, Caballero coñeceu de primeira man os novos proxectos nos que están a traballar os responsables da Casa Grande de Xanceda, ademais da súa preocupación pola afección que pode supoñer para a súa granxa ecolóxica a posibilidade de instalación de novos parques eólicos na zona.