O secretario xeral pide dar “o do de peito” para respaldar “o traballo ben feito” polo goberno de Pedro Sánchez e evitar “un susto” da man das dereitas e a ultradereita
O ministro de Interior nega “incapacidad para formar gobierno”: “No nos han dejado porque han visto lo que hemos sido capaces de hacer en menos de un año”
Vigo, 29 de setembro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, interveu hoxe na II Festa da Rosa do PSOE da provincia de Pontevedra e, dende alí, criticou que Feijóo se autodesigne como “o representante de Vox en Galicia”
“Feijóo dixo esta semana, no Debate sobre o Estado da Autonomía, que os votos de Vox en Galicia son votos do PP”, recordou o líder do PSdeG, e reprobou que o PP “siga identificándose cunha ultradereita machista, xenófoba e que implica retrocesos para os homes e, sobre todo, para as mulleres”.
É por iso que Gonzalo Caballero sinalou ao PSdeG como “a casa común do progresismo da cidadanía que quere cambio”. “Imos abrir un novo tempo político en Galicia, o PSdeG vai ser imparable para dar a Galicia un goberno de progreso”, enfatizou, consciente da “forza” que trae consigo o socialismo.
Fronte ao PSdeG –sinalou- está un Feijóo que “pecha o seu ciclo” á fronte da Xunta e que “deixa unha Galicia que foi a peor” tanto en cuestión de emprego como de demografía e de política social.
“Hoxe temos 54.000 empregados menos en Galicia que hai unha década”, exemplificou, ao tempo que censurou que Feijóo utiliza a Xunta “non para traballar polos galegos e as galegas, senón para confrontar co goberno de Pedro Sánchez”.
“RECONCILIAR Á CIDADANÍA CO GOBERNO”
En clave nacional, Gonzalo Caballero chamou a que “ningún progresista quede na casa” nas vindeiras eleccións xerais porque “a mobilización é crucial para evitar que a suma das dúas dereitas coa ultradereita chegue ao goberno de España”. “Eles non van quedar na casa”, evidenciou, máxime á vista do “retroceso” que tiveron o 28 de abril.
É por iso que, “con toda a forza dun gran partido” e co aval do “traballo ben feito polo goberno”, o máximo representante do PSdeG pediu percorrer Galicia coa mensaxe de que nos xogamos “avanzar ou retroceder” ou levar un “susto” como o da cidadanía de Murcia, Madrid ou Andalucía ao ver a Vox controlando o seu goberno.
“Temos que dar o do de peito”, resaltou Gonzalo Caballero, consciente de que “a única vía de futuro para un país moderno e de igualdade” é o PSOE de Pedro Sánchez. “Fixo un goberno de progreso que amosou que se pode reconciliar á cidadanía cos seus representantes”, valorou.
Ademais, o secretario xeral recordou que Pedro Sánchez non só é “a referencia do socialismo en Europa”, senón tamén “un home de firmes conviccións” e cun “grande sentido de Estado”. “El podería ser xa presidente, pero entendeu que as circunstancias obrigaban a convocar as eleccións para vencer ese boicot”, destacou.
“NO NOS HAN DEJADO”
Diso falou tamén o ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, quen negou “incapacidad para formar gobierno” por parte de Pedro Sánchez. “No nos han dejado porque han visto lo que hemos sido capaces de hacer en menos de un año”, destacou, e recordou tamén os “insultos” proferidos polas dereitas contra o presidente.
E é que, segundo as súas palabras, no goberno socialista “demostramos que es posible otra forma de gobernar y de encarar los problemas”, que é o que posibilita “mirar a la gente a la cara”.
Agora, como sinalou o ministro, temos que conseguir revalidar un goberno “progresista, coherente y estable” que sitúe ás persoas no primeiro plano e que tome medidas para que “no haya dudas sobre la revalorización de las pensiones ni sobre el trabajo digno”.
“Y para avanzar hacia un país más moderno”, concluíu Grande-Marlaska, quen lamentou a reacción da dereita ante a exhumación dos restos de Franco. Sobre isto, advertiu de que “sería grave tener en el gobierno a los que relativizan terminar con los honores al dictador”.
En canto a Galicia, o titular de Interior destacou o compromiso do PSOE con esta terra, que se concreta en medidas como a chegada do AVE no ano que vén ou co compromiso coa cohesión territorial. “Ninguén entende este país sen o PSOE, finalizou Grande-Marlasla.
“CONSOLIDAR O GRAN RESULTADO”
Nesa idea abundou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen criticou que “as dereitas non quixeron” que España tivese o goberno polo que votaron a maioría dos españois e das españolas pese a que non había ningunha outra alternativa. “Alguén pode crer que Pablo Casado pode ser presidente?”, ironizou.
Como reacción a ese bloqueo e á vista dun proxecto que é positivo para a cidadanía é polo que o tamén presidente da Federación Española de Municipios e Provincias deu por feito que haberá “un gran resultado” o vindeiro 20 de novembro. “Temos que consolidar o gran resultado do 28 de abril”, engadiu.
Por último, despois de que Gonzalo Caballero o situase como “a referencia fundamental do municipalismo” e augurase que sería alcalde de Vigo “vinte anos máis”, o rexedor olívico anticipou que serán “vinte e cinco” e prognosticou que o secretario xeral do PSdeG será o vindeiro presidente da Xunta o ano que vén.
“PROVINCIA SOCIALISTA”
A apertura do acto correu a cargo da vicesecretaria xeral do PSOE na provincia de Pontevedra, Paula Fernández Pena, quen, en compañía das alcaldesas de Forcarei, Redondela e Meis, destacou que esta á “unha provincia socialista” e que o volverá a demostrar o vindeiro 10 de novembro.
A continuación, a secretaria xeral de Pontevedra, Maica Larriba, pediu aos asistentes ao acto percorrer a provincia coa mensaxe de que o vindeiro 10 de novembro xogámonos “avanzar ou retroceder”. “E temos que traballar para acadar unha sociedade máis xusta”, concluíu.
Pola súa banda, David Regades, secretario xeral provincial, saudou aos 21 alcaldes e alcaldesas socialistas, e sinalou a vitoria nas eleccións xerais, europeas e municipais en Pontevedra como antesala do cambio que vai haber en Galicia “con Gonzalo Caballero á fronte do goberno da Xunta”.
E despois de que advertira de que “nos xogamos moito” nas vindeiras xerais, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, incidiu en que “non hai alternativa a Pedro Sánchez” e ás súas políticas de redistribución da riqueza, de loita pola igualdade de homes e mulleres… E, no que atinxe a Galicia, avanzou que Gonzalo Caballero pechará no 2020 a etapa de Feijóo.