O líder do PSdeG urxe a Feijóo a “levantar as peaxes das autoestradas galegas” no Valmiñor e en Carballo, xa que “hai fondos e pode facelo”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, vén de criticar a “insuficiente” e “irrisoria” rebaixa das peaxes autonómicas nas autoestradas AG-55 e AG-57, xa que “só beneficia a familias numerosas”, o que supón que “exclúe á meirande parte da poboación galega”.
“O cinismo de Feijóo é tal que anuncia por todo o alto unha bonificación nas peaxes autonómicas destinada a un sector da poboación moi concreto, deixando fóra á meirande parte dos galegos e galegas e, aínda por riba, que só se pode desfrutar de luns a vernes”, censurou o dirixente socialista.
Isto chega, subliñou, “despois de que o presidente da Xunta dixese, hai dúas semanas, que a rebaixa histórica das peaxes da AP-9, aprobada polo goberno de España, era insuficiente” cando “suporán 2.300 millóns de euros ata o ano 2048” e “delas pode beneficiarse toda a poboación galega durante todos os días da semana”.
“Cando o goberno de España levou adiante a rebaixa histórica da AP-9, Feijóo anunciou que ía rebaixar as peaxes das autoestradas galegas da Xunta, pero só foi marketing, un anuncio de botafumeiro”, criticou o mandatario socialista quen sinalou que o plan de bonificacións vence en 2023, “o que reflicte a falla de vontade” do goberno galego con abaratar a mobilidade en Galicia.
Doutra banda, Gonzalo Caballero censurou o “papeleo” que hai que realizar para poder beneficiarse dos descontos, xa que as familias numerosas que queiran acollerse á redución, teñen que darse de alta nun rexistro en liña habilitado pola concesionaria, o que provoca que, a día de hoxe, esta rebaixa “só chegue a 40 familias”.
Por todo isto, o dirixente socialista urxiu a Feijóo a “levantar a peaxes das autoestradas galegas” no Valmiñor e en Carballo, que supoña “un beneficio para todos os galegos e galegas” que frecuenten estas vías, xa que “hai fondos e pode facelo”.