O secretario xeral participa na homenaxe a quen foi militante socialista e líder da UXT durante 25 anos xunto cos expresidentes da Xunta Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe e os líderes uxetistas Pepe Álvarez e José Antonio Gómez
Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, louvou hoxe a traxectoria de Suso Mosquera, histórico militante socialista e líder da UXT durante 25 anos, e expresou o seu desexo de que o seu exemplo sexa “unha semente do que hai que seguir facendo para conseguir unha Galicia mellor”.
Así o dixo durante a súa intervención na homenaxe a Suso Mosquera, ao que acudiron, entre outros, os expresidentes da Xunta Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe; así como o líder de UGT, Pepe Álvarez; o secretario xeral da UXT, José Antonio Gómez; e os dirixentes da Fundación Luís Tilve.
“Foi un exemplo de sindicalismo de clase, de defensa da clase traballadora e de socialista comprometido con Galicia”, destacou o máximo dirixente do PSdeG, quen subliñou que o nome de Suso Mosquera, falecido o pasado mes de febreiro, quedará escrito “na historia de Galicia con letras maiúsculas”.
E é que, segundo as súas palabras, “o traballo de Suso Mosquera nos enche de orgullo a todos os galegos”, por ser “un sindicalista comprometido” e que “antepuxo os intereses de clase por riba dos intereses persoais”. “Deu o mellor da súa vida para traballar en defensa de Galicia”, finalizou o líder socialistas galegos.