O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Vigo e Pontevedra para presentar a lista que o acompañará por esta provincia ás eleccións galegas do vindeiro 5 de abril. Dende alí, puxo en valor a importancia da educación e garantiu que un goberno progresista a poñerá no centro de atención.
Así é que Gonzalo Caballero comprometeu a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos e volta ao sistema de préstamo dos libros de texto que Feijóo reverteu cando chegou á Xunta.
Do mesmo xeito, o aspirante do PSdeG asegurou que, se é presidente tralo 5A, aumentará as prazas dos comedores escolares para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral dos pais e, sobre todo, das nais, sobre quen soen recaer aínda os coidados.
En paralelo, Gonzalo Caballero anunciou que apostará pola FP Dual, para combinar as ensinanzas teóricas do alumnado coas prácticas en empresas; que as primeiras matrículas nos graos das universidades públicas galegas non teñan custe para os estudantes; e que desenvolverá un programa de bolsas con fondos propios da Xunta para facer mestrados.
“Son propostas factibles e viables economicamente”, destacou Gonzalo Caballero, para quen a educación supón a vía para “igualar as posibilides” de toda a cidadanía, independentemente de onde resida.
FEIJÓO “XA SABE” QUE NON TEN MAIORÍA
En paralelo, o líder dos socialistas galegos subliñou que Feijóo xa recoñeceu nun medio nacional que “ten perdida a maioría absoluta”. “Ten o pálpito de que Galicia o rexeita e lle di que non”, evidenciou.
“Agora bótase á desesperada a pedir os votos da ultradereita”, recalcou Gonzalo Caballero, antes de poñer o foco en que Feijóo “xa quitou a careta e recoñece que necesita e que quere “os votos e as indicacións” de Vox.
“OPORTUNIDADE HISTÓRICA”
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou que o goberno de Feijóo foi “unha calamidade” para a súa cidade, porque optou por “opoñerse a todo” o que manou dela:
“Xa sabe que aquí vai ter un pésimo resultado electoral, porque o gañou a pulso nos últimos 11 anos”, recalcou o rexedor, crítico coa “marxinación” e o “castigo” que inflixiu á cidade.
“Gonzalo Caballero vai ser un gran presidente da Xunta e seguro que terá luz verde todo aquilo ao que Vigo ten dereito”, engadiu, e sinalou que hai “unha oportunidade histórica” de que coincidan un alcalde, un presidente da Xunta e un presidente do goberno socialistas para “lanzar un proxecto único” para a cidade.
Ao respecto, Gonzalo Caballero destacou que Vigo será “imparable” co apoio dun goberno da Xunta progresista.