O líder dos socialistas galegos esixe a comparecencia de Feijóo para que dea a cara polo seu “desleixo” dende o 24 de xuño que derivou no illamento de 70.000 persoas
O candidato do PSdeG garante que será “un presidente da Xunta amigo do sector do mar, un aliado para defender na UE, en España e no mundo a actividade do noso sector pesqueiro”
O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, esixiulle hoxe ao presidente da Xunta que convoque aos líderes dos partidos e que tamén compareza diante da Deputación Permanente do Parlamento para dar conta da situación do rebrote de coronavirus da Mariña. O secretario xeral do PSdeG comprometeuse a manter “unha posición de lealdade crítica” coa Xunta, e reclamou “poñer a saúde por enriba de todo”.
Gonzalo Caballero aprazou calquera decisión “ata que o presidente da Xunta compareza e nolo explique”, pero advertiu que “a evidencia que temos, dende logo, pon en risco a celebración de eleccións na Mariña este domingo”. Reclamou a comparecencia de Feijóo tras remitirlle unha carta o pasado sábado e despois de chamalo por teléfono onte, á vista de que a Xunta non estaba sendo “transparente” coa información relativa á Mariña.
“Non quero nin imaxinar que alguén estea intentando minimizar o que está a ocorrer na Mariña de Lugo para non dar contas nin explicar a súa xestión, ou para intentar marcar as eleccións”, advertiu, e deixou claro que “o primeiro é o dereito á saúde, e ningún voto, ningunhas eleccións, ningún goberno, poden estar por riba de defender o dereito á saúde de todos e de todas”.
A maiores, incidiu en que os alcaldes da comarca están “moi precupados” pola xestión do goberno galego, que decretou un confinamento de cinco días “sen base sanitaria nin epidemiolóxica”, cando a OMS sinala que se requiren entre 10 e 15. “Na Mariña -dixo- sospéitase que a Xunta quere decretar un confinamento de cinco días para levantalo, que se poidan celebrar as eleccións, e despois volver ao confinamento”. A ese respecto, alertou de que “persoas illadas teñan que saír das casas para ir votar cando precisamente lles están testando que non teñan o virus”.
Así as cousas, o dirixente socialista esixiu ao presidente da Xunta que compareza “para explicar o que está ocorrendo, por que non tomou medidas cando se detectou o rebrote o 24 de xuño e por que decretou un confinamento de cinco días que ningún informe nin recomendación epidemiolóxica pode sustentar”.
Criticou que, logo de que Feijóo estivera todo o confinamento reclamando as competencias na xestión da sanidade para si, agora que ten “todas as competencias para darlle resposta a un rebrote de tanta gravidade” opta por “sinalar aos concellos como autoridades competentes”. Sinalou así o “desleixo” do presidente da Xunta, que “intenta escurrir todas as súas responsabilidades”.
“Todos sabemos que os concellos pequenos non teñen ningunha responsabilidade sobre os médicos, enfermeiros ou os centros de saúde, e algúns dos concellos pequenos da Mariña nin tan sequera teñen Policía Local”, evidenciou, e deu conta das queixas dos alcaldes e alcaldesas da Mariña, que acusan á Xunta de non entregarlles información precisa nin pormenorizada do número de contaxios e de illamentos.
PLAN DE PESCA
O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, fixo estas declaracións nunha visita á Illa de Arousa xunto co alcalde, o socialista Carlos Iglesias.
Antes de embarcar cara unha batea, Gonzalo Caballero anunciou que o seu goberno poñerá en marcha un plan de comercialización e promoción dos produtos primarios da pesca de proximidade. “O goberno socialista na Xunta será un aliado do sector da pesca e da industria do mar de Galicia”, asegurou.
Caballero recordou que formou parte do grupo de economía dos recursos naturais e da pesca da Universidade de Vigo e dende o Campus do Mar, onde ten “traballado moito sobre os aproveitamentos marítimos e a economía do mar”. Situou enfronte a xestión dun Feijóo que cada catro días destes 11 anos fixo desaparecer un buque de pesca.
Defendeu unha “Galicia azul, que vive aberta ao mar e que o explota con respecto ás normas, á sostibilidade dos recursos mariños, a través da pesca, do marisqueo e da actividade industrial que lle confira cadea transformadora ao produto primario”. Isto supón, sinalou, “emprego, actividade e creación de riqueza”, e comprometeu “contacto cos actores fundamentais da pesca para acordar unha folla de ruta compartida”.
“A crise da covid cambia todo, e tamén as actividades de pesca, e temos que apoiar financeiramente aos armadores, aos pescadores, para que poidan desenvolver a actividade con total normalidade”, apostilou.
Garantiu que “todas as actividades industriais relacionadas co mar que estean funcionando de acordo coa normativa legal e cos requirimentos medioambientais manterán a súa actividade cun goberno socialista á fronte da Xunta”. Puntualizou que “terán no presidente da Xunta un amigo do sector do mar, un aliado para defender na UE, en España e no mundo a actividade do noso sector pesqueiro, porque Galicia é pesca, Galicia é mar”.