O candidato socialista sinala a “enorme potencialidade” das industrias culturais, “fonte de riqueza e desenvolvemento”
Pontevedra, 14 de febreiro de 2020. O candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, inaugurou hoxe unha nova xornada do IdeaGaliciaLab que, centrada na cultura, reuniu en Pontevedra a creadores e xestores culturais para abordar a situación deste sector.
“Queremos construír unha nova política cultural en Galicia, porque en 11 anos as inversións e a aposta pola cultura dende a Xunta sufriron un recorte significativo”, explicou o líder socialista, quen concretou que “o noso compromiso coa cultura implica un incremento de fondos públicos” para este fin e “unha nova política cultural”.
“E queremos construíla con vós”, engadiu Gonzalo Caballero, apoiando “a innovación, o emprendemento, o desenvolvemento de cara ao futuro”. “Queremos construíla entre todos porque queremos unha Xunta ao servizo do país”, incidiu.
E é que, como recordou, o sector cultural supón aproximadamente un 2% do PIB galego e dá emprego a tres de cada 100 persoas ocupadas en Galicia. É, por tanto, “unha industria de enorme potencialidade”, como recalcou o candidato socialista, consciente de que “é fonte de riqueza e desenvolvemento”.
Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero enfatizou a importancia de defender a lingua propia, por canto supón da nosa “identidade” como galegos.
MÚSICA E IGUALDADE
A apertura do acto correu a cargo de Luis Emilio Batallán, quen tocou pezas baseadas en poemas de Rosalía de Castro e Curros Enríquez, despois de agradecer a invitación para participar no laboratorio de ideas do PSdeG.
Soledad Peralta, escultora que recibiu o Premio da Cultura Galega, puxo o foco na relevancia de que as mulleres gañen peso dentro dos distintos sectores culturais; algo no que fixo fincapé Maica Larriba, secretaria xeral do PSOE de Pontevedra.
“Queremos que a cultura tamén o sexa en igualdade”, remarcou, coa óptica de que a cultura “non é un espectáculo senón un factor de cohesión social” e “un valor dentro dunha sociedade máis libre”.
Pola súa banda, Noelia Otero, coordinadora do IdeaGaliciaLab, destacou a importancia da cultura na sociedade e puxo voz a un escrito da plataforma Defende a Galega reclamando a súa inclusión, con criterios de pluralidade, dentro da grella da Radio Galega e a TVG.
INTERVENCIÓNS
Na primeira mesa, sobre ‘A cultura e a escea’, tomaron a palabra Damián Villalaín, da Academia Galega de Teatro; a directora e Premio María Casares Gena Baamonde; o director da Academia Galega do Audiovisual, Miguel Mariño; e Andrea Quintana, bailarina e membro da plataforma de afectados polo Centro Coreográfico Galego.
Sobre ‘O valor da industria cultural’ falaron Hakan Casares, coordinador do Observatorio da Cultura Galega; o escritor Manuel Loureiro; a directora Mariana Carballal, de Mulleres Cineastas; o editor e presidente dos Premios da Crítica Galega, Bieito Ledo; e Xosé Antón Castro, doutor en Arte e crítico internacional.