O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, chamou hoxe a unha “mobilización masiva” que lle permita encabezar un goberno de progreso na Xunta “que atenda ás necesidades do país”. Enfronte situou a un Feijóo “descolocado e pendente da súa operación política persoal para colocarse en Madrid en vez de estar pendente dos problemas dos galegos e das galegas”.
O secretario xeral do PSdeG dixo que “Galicia necesita dun goberno de progreso que atenda ás necesidades do país, aos problemas reais da sanidade pública, o emprego ou o despoboamento”, cuestións que “necesitan un proxecto de goberno e un presidente pendente dos problemas da xente”. Chamou así á mobilización dos galegos e galegas “que queren Galicia e que queren cumprir co país”.
Defendeu así “unha opción de progreso e de futuro para que o 5A poidamos pasar páxina dos líos do PP, da ineficacia de Feijóo e dos riscos que implican as dereitas coas súas tres candidaturas en Galicia”. Fronte ao “relato da dereita” que presentaba unha esquerda dividida, Gonzalo Caballero valorou que “as forzas progresistas estamos facendo adecuadamente os nosos deberes”.
No que atinxe aos socialistas galegos, como destacou o candidato, “estamos percorrendo Galicia e consolidando a nosa posición” para liderar un goberno progresista, mentres “aparece Abascal en Galicia dicindo que vai vir salvar ao PP, Ciudadanos e o PP non saben que facer” e o propio PP está sumido no “lío interno entre Iturgáiz, Alonso, a volta á dereita ou a viraxe ao centro…”.
“Cómpre unha nova etapa de progreso e retirar a Feijóo”, engadiu Gonzalo Caballero, partidario de dar paso a un goberno progresista “igual que gobernamos con Pedro Sánchez en Madrid, en tres deputacións e en tantos concellos” que supoñen ao 55 por cento da poboación de Galicia.
Alianza progresista
Caballero continuou hoxe en Ames a súa rolda de visitas ás alcaldías socialistas nas principais cidades galegas, onde ofreceu unha “gran alianza dun goberno progresista na Xunta cos concellos e co conxunto da cidadanía”. Sinalou que “hai un impulso municipal que necesita da complementariedade do goberno progresista na Xunta de Galicia”.
Presentou a súa alternativa como a do “partido do benestar, dos servizos públicos, da defensa dos máis desfavorecidos, que defende a acción da Xunta en materia de educación e sanidade públicas”, así como nas infraestruturas pendentes. Reclamou “unha Galicia verde, sostible, ecolóxica” dende o concello de Ames, que cualificou de “pulmón para Galicia” e un dos eixos da revitalización demográfica.
O líder dos socialistas galegos mantivo hoxe un encontro co alcalde de Ames, José Miñones, e os membros socialistas da corporación municipal, cos que comprometeu o desbloqueo dos principais proxectos paralizados polo goberno galego no Concello, como a ampliación da EDAR de Sisalde, comprometida por Feijóo en 2011.
Miñones criticou a xestión da administración autonómica “excluínte, discriminatoria, cun presidente ausente de Ames”, que incumpriu coa ampliación do CEIP Agro do Muíño e retrasou a construción do Centro de Saúde de Milladoiro. Reivindicou a actuación en infraestruturas competencia da Xunta, como a seguridade na estrada Roxos – Portomouro, ou o cofinanciamento do plan de prevención de incendios.
O rexedor acusou ao goberno galego de “poñer paus nas rodas”, como foi o caso do desvío do tráfico pesado da N-550 ao seu paso por Milladoiro, que “non lle deron o visto bo ata que non foi a moción de censura en Madrid”, ou a transferencia da Avenida da Mahía, que “asinaremos agora logo de dous anos agardando por ela”.
Alcoa
En paralelo, a preguntas dos xornalistas, o candidato socialista á presidencia da Xunta chamou a traballar a carón do goberno de España para pechar o período de alegacións ao estatuto das electrointensivas con “todas as melloras posibles”. Criticou o “cinismo” de Feijóo, que “intenta caldear o ambiente con fins electorais pero que cando gobernaba Rajoy non facía nada polas empresas de consumo electrointensivo”.
Lembrou que durante os sete anos de goberno do PP no Estado “non moveron un só folio polo estatuto das electrointensivas” e apoiaban unhas axudas ao CO2 “moito menores das que aprobou agora o goberno de España”. “Non caemos na estratexia da confrontación dun PP que cando gobernaba non facía nada polas empresas de consumo electrointensivo”, deixou claro.
Por iso, sinalou que “a única vía para avanzar é sacar adiante o estatuto asumindo todas as alegacións posibles” e “á vez meter toda a presión a multinacional, que recibiu 40 millóns de euros de axudas ás emisións de CO2 no ano pasado, para que manteña a actividade no centro de Alcoa en San Cibrao”.
Trasladou hoxe “todo o apoio, lealdade e corresponsabilidade cos traballadores” de Alcoa e advertiu que a empresa “ten que entender a súa responsabilidade social corporativa de apostar pola Mariña e San Cibrao”. E, para concluír, Gonzalo Caballero recordou que “sen un goberno progresista non se tiveran dado as axudas, non habería estatuto nin estaría a ministra traballando a carón dos traballadores”.