Santiago, 11 de marzo de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou que a xuntanza do ministro de Transportes con Feijóo pon de manifesto o compromiso dos socialistas coa axenda de infraestruturas de Galicia, logo de anos de inacción do PP de Rajoy, Pastor e Feijóo.
“Feijóo tivo que recoñecer hoxe que as infraestruturas de Galicia avanzan máis co goberno de Pedro Sánchez que co de Rajoy”, concluíu.
Case un mes despois de que Ábalos se reunise con Caballero no Ministerio de Transportes, o ministro e o seu equipo trasladaron hoxe ao presidente da Xunta os avances en relación á chegada do AVE a Galicia, ás rebaixas na AP-9, á saída sur ferroviaria por Vigo, ao Corredor Atlántico e ao porto da Coruña, entre outros.
Gonzalo Caballero destacou que a rebaixa histórica de peaxes pode permitir a gratuidade dos traxectos de volta na AP-9 ata 2048, e que isto supón un cambio histórico para a mobilidade dos galegos.
Así mesmo, sinalou que a fin das obras do AVE a Galicia será realidade sen que ningún retraso poida ser achacado ao goberno socialista, mentres que o goberno de Rajoy recortou inversións durante anos. Estes dous feitos relativos ao AVE e a AP-9 implican un novo escenario para a mobilidade cara e por Galicia.
Neste punto, o dirixente socialista reclamou a Feijóo que deixe de intentar torpedear e que se poña a traballar e a colaborar co goberno de España en materia de transportes, porque o ministro Ábalos está amosando traballo e compromiso con materias pendentes das infraestruturas de Galicia.
“Os e as socialistas estamos comprometidos coas infraestruturas de Galicia, desenvolvemos ese compromiso e seguimos avanzando nas cuestións pendentes”, remarcou Gonzalo Caballero.