O secretario xeral censura que Feijóo “limítase a confrontar co goberno de España mentres ten os deberes sen facer en materia de residencias, centros de día ou escolas infantís”
Chama a “corrixir o caciquismo histórico de Ourense a través do control democrático” dun goberno progresista que remate coa “involución democrática de Baltar e Jácome coa complicidade de Feijóo”
Ourense, 2 de xuño de 2020. O secretario xeral do PSdeG e candidato á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, apostou hoxe en Ourense polas “receitas do socialismo democrático” que leven á Xunta o “cambio imprescindible” para “remontar a crise económica e social pola vía do progreso sen deixar a ninguén atrás”. Así o dixo nunha visita a Ourense acompañado polo secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, e os membros da candidatura socialista Marina Ortega e Juan Carlos Francisco Rivera.
Sinalou así que Galicia “necesita reforzar a sanidade pública universal e gratuíta para unha cidadanía que reclama un maior compromiso co estado do benestar e os servizos sociais como un escudo protector para a cidadanía máis vulnerable”. Gonzalo Caballero presentou un proxecto de reconstrución económica e social de Galicia que permita remontar a crise “apoiando á cidadanía e pensando nas persoas”.
O líder dos socialistas galegos contrapuxo a saída social da crise coa xestión dun Feijóo que “non tivo capacidade política económica que favorecera a Galicia” e que nos últimos 11 anos demostrou que “non entende nada de economía”. De feito, lamentou que Feijóo non amosara “ningún interese en potenciar a economía de Galicia, cun conselleiro de Economía ausente, que non puxo a funcionar o Igape, e que careceu de políticas activas de emprego e de política industrial”.
Advertiu que se antes da covid Feijóo xa tivera 11 anos de xestión nos que destruíra 70.000 empregos en Galicia, “agora a situación é moito máis preocupante”, e require dunha “necesaria nova política económica de impulso dos sectores produtivos, tanto o primario como o secundario ou o I+D”.
Ao respecto, Gonzalo Caballero destacou que o mellor aval deste proxecto o constitúen as medidas do goberno de España fronte á crise da covid para “acompañar e protexer á cidadanía”, como é financiar os ERTEs ou as proteccións aos autónomos por primeira vez na historia, a prohibición dos desafiuzamentos e dos cortes de subministro eléctrico, a suba das bolsas de estudos ou recentemente a aprobación do Ingreso Mínimo Vital.
“OS DEBERES SEN FACER”
Gonzalo Caballero sinalou que fronte a un goberno centrado en “acompañar á cidadanía”, Feijóo demostrou que tiña “os deberes sen facer” en políticas sociais. A Xunta “careceu”, dixo, de políticas de protección para a cidadanía e chega á nova fase da desescalada sen cumprir coas súas obrigas de preparar as residencias de maiores, os centros de día ou as escolas infantís para garantir un mecanismo de volta á normalidade.
O líder dos socialistas galegos criticou que logo de tres meses “omnipresente nos medios públicos de comunicación” dedicado a confrontar co goberno de España, o único que fixo Feijóo foi ”priorizar unha estratexia irresponsable de oposición ao estado de alarma, cando é o instrumento fundamental para ordenar a desescalada e limitar a mobilidade dos cidadáns” para frear o virus.
“INVOLUCIÓN DEMOCRÁTICA”
O secretario xeral do PSdeG presentou en Ourense o proxecto socialista como a principal garantía para “frear a involución democrática” que representan Baltar e Jácome coa “complicidade de Feijóo” dende a Xunta, e “corrixir o caciquismo histórico a través do control democrático”. Acusou ao presidente da Xunta de “fomentar, permitir e respaldar as tácticas caciquís do PP” na provincia.
Sinalou que o “cambio de progreso na Xunta é a mellor garantía para que Ourense poida evolucionar e avanzar e que dea garantías que freen o cheque en branco que o PP e Jácome cren que teñen na provincia”. “Non é de recibo -dixo- a involución política que Baltar segue representando no medio da crise aprobando contratos laborais sen garantías na Deputación” e intentando controlar os tribunais de selección de persoal.