O secretario xeral traslada o pesar da familia socialista tralo pasamento da deputada autonómica Isaura Abelairas: “Loitou ata o último día na defensa das causas máis xustas”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo con alcaldes e voceiros socialistas de distintos concellos da Costa da Morte e Bergantiños para reivindicar a importancia do Camiño dos Faros. Por iso, dende o castelo de Vimianzo, chamou á Xunta a “aliarse” con estas bisbarras impulsando a homologación desta ruta turística, porque “é fundamental para o desenvolvemento económico e para xerar emprego e riqueza na zona”.
“A Costa da Morte ten moitas posibilidades para o turismo e, neste marco, o Camiño dos Faros é fundamental para o desenvolvemento económico e para xerar emprego e riqueza”, reivindicou o líder das e dos socialistas de Galicia en compañía da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; a de Camariñas, Sandra Ínsua; a de Cee, Margarita Lamela; e o alcalde de Fisterra, José Marcote; entre outros representantes socialistas en Costa da Morte e Bergantiños.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero destacou esta ruta de sendeirismo de máis de 200 quilómetros que percorre “tantos concellos” da Costa da Morte e Bergantiños. “É un xeito de poñer en valor a nosa fermosa natureza, a nosa cultura e a nosa tradición histórica”, resaltou.
“É hora de que a Xunta se poña a carón das alcaldesas e dos alcaldes da Costa da Morte para impulsar o Camiño dos Faros”, apostilou o dirixente socialista, quen avanzou que o PSdeG seguirá levando ao Parlamento de Galicia iniciativas para poñer en valor esta ruta e para conseguir que o goberno gaelgo “faga un plantexamento de aposta e potenciación” que o converta en “referencia do turismo galego de calidade para todo o mundo”.
Nesta liña, Gonzalo Caballero enxalzou o turismo na Costa da Morte e Bergantiños, onde “hai moitísimas cousas que visitar e coas que desfrutar: por tradición, por cultura, por paisaxe, por mar”. Neste marco, destacou a “importancia” do castelo de Vimianzo, “un enclave de visita obrigada”.
MÓNICA RODRÍGUEZ, ALCALDESA DE VIMIANZO
A alcaldesa anfitrioa, Mónica Rodríguez, agradeceu a visita de Gonzalo Caballero e sumouse á petición do dirixente socialista para conseguir que “dunha vez a Xunta poña todas as facilidades para que a homologación do Camiño dos Faros sexa unha realidade”.
SANDRA ÍNSUA, ALCALDESA DE CAMARIÑAS
Pola súa banda, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, reivindicou o Camiño dos Faros como “vital” e “primordial” para os concellos da zona, xa que “case o 80% das persoas que visitaron Camariñas no mes de maio foi para percorrer o Camiño dos Faros”. “Temos que sentar coa Xunta e buscar unha saída”, destacou.
MARGARITA LAMELA, ALCALDESA DE CEE
Na mesma liña, a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, destacou a “importancia” da ruta “para o impulso económico” da contorna, polo que “é necesario buscar, entre todos, unha solución xurídica” que permita homologar este camiño. Así, agradeceu ao líder do PSdeG a presentación de iniciativas no Parlamento “na loita” para conseguir a citada homologación.
JOSÉ MARCOTE, ALCALDE DE FISTERRA
Por último, o alcalde de Fisterra, José Marcote, pediu unha “solución” que dea “seguridade xurídica” ao Camiño dos Faros. “Hai que saber conxugar o trazado ideal, que é o que temos agora, cunha posible homologación” cando “hai un pequeno conflito que hai que resolver”, sentenciou.
PESAR NO SOCIALISMO GALEGO POLO PASAMENTO DA DEPUTADA ISAURA ABELAIRAS
Antes de iniciar o acto, o máximo dirixente das e dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, trasladou publicamente as condolencias da familia socialista tralo pasamento, nas últimas horas, da deputada viguesa Isaura Abelairas. “É un día triste, deixounos unha amiga”, sinalou.
“É un día distinto para o PSdeG, un día no que faleceu unha compañeira de longa traxectoria no compromiso e na loita pola educación pública, pola inclusión social, pola igualdade; unha socialista e feminista de referencia”, destacou Gonzalo Caballero, quen cualificou a Isaura Abelairas como “unha gran servidora do público”.
Así, o líder do PSdeG puxo en valor que “loitou ata o último día na defensa das causas máis xustas”, por iso “o noso sentimento hoxe está coa súa familia e cos seus seres queridos”.
“Sempre comprometida, como concelleira, deputada provincial e tamén no Parlamento autonómico, fixo un traballo magnífico”, polo que “Isaura debe merecer o recoñecemento de toda Galicia”, resaltou o secretario xeral do PSdeG, quen modificou a súa axenda no día de hoxe para acompañar á familia da deputada nestes momentos difíciles.
A este pésame sumáronse tamén os alcaldes e voceiros socialistas na Costa da Morte e Bergantiños.