O líder do PSdeG reprocha ao PP que se sume a Vox pola “ingobernabilidade” de España e sinala ao BNG que “o que é bo para os galegos e as galegas é bo para Galicia”
O secretario xeral insta a Feijóo a esixir ao presidente de Alcoa España que “reconduza” a súa estratexia de tentar parar as cubas da factoría de San Cibrao por vía xudicial
O coordinador dos deputados do PSdeG no Congreso Guillermo Meijón subliña que os PGE cumpren con moitos proxectos de inversión para Galicia: “Que deixen a leria de que España nos rouba”
Santiago, 14 de novembro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza co coordinador dos deputados e deputadas socialistas no Congreso, Guillermo Meijón, trala cal instou a PP e BNG a “rectificar” a “irresponsabilidade” que cometeron ao presentar emendas á totalidade dos orzamentos xerais do Estado.
“España necesita uns orzamentos que protexan á xente e estes son os orzamentos do maior compromiso social”, destacou o líder do PSdeG, toda vez que “fortalecen a sanidade pública e as políticas sociais, suben as pensións, apostan pola igualdade e combaten a pobreza”.
Por iso, Gonzalo Caballero advertiu que o voto de PP e BNG ás emendas á devolución destas contas era “un voto en contra de que suban as pensións a 800.000 galegas e galegos, de que suba o salario de 150.000 traballadores públicos e de que haxa unha rebaixa histórica nas peaxes da AP-9”.
“Teñen que abandonar a política da confrontación e contribuír á saída desta crise”, remarcou o máximo dirixente do PSdeG, quen contrastou o traballo feito polos 10 deputados e deputadas socialistas de Galicia na elaboración dos orzamentos co intento de “bloqueo” protagonizado polo PP e o BNG.
Neste senso, Gonzalo Caballero fixo fincapé en que o PP sumouse a Vox á hora de buscar a “ingobernabilidade” de España, unha estratexia “irresponsable” canto máis neste tempo de pandemia; mentres que afeou ao BNG que actúe “sen responsabilidade de país”. “Esquece que o que é bo para os galegos e as galegas é bo para Galicia”, evidenciou.
“QUE SE DEIXEN DE LERIAS”
Pola súa banda, Guillermo Meijón incidiu en que “alguén terá que explicar”, tanto dende o PP como dende Vox e o BNG, “se pretendían navegar esta crise cos orzamentos de Montoro”. “É unha irresponsabilidade e unha deslealdade non co goberno, senón con España e con Galicia”, sentenciou.
Máxime, como dixo o deputado pontevedrés, porque a non aprobación das contas implicaría dificultades para aplicar os fondos europeos. “Por tanto, dobre irresponsabilidade e dobre deslealdade”, recalcou.
“O país necesita combater a pandemia e o obxectivo irrenunciable para os e as socialistas é defender ás persoas”, subliñou Meijón, quen puxo en valor os incrementos nas pensións, nas partidas para dependencia e benestar social, nos fondos para vivenda ou no número de bolsas para estudantes.
Por iso, o coordinador dos deputados do PSdeG no Congreso lamentou en maior medida que sexan forzas progresistas as que poñan “paus nas rodas”, buscando impedir a aprobación dos orzamentos.
Ademais, Guillermo Meijón chamou ao BNG a “deixarse de lerias de que España nos rouba”, porque as inversións reais en Galicia están por riba do peso de Galicia no PIB e na poboación de España. Os orzamentos incorporan inversións en proxectos importantes para Galicia e ademais as obras no AVE a Galicia están “chegando ao seu fin”. Sinalou que os deputados socialistas do PSdeG traballan polo mellor para os galegos e as galegas.
ALCOA
En paralelo, Gonzalo Caballero criticou que Alcoa siga tentando parar as cubas da factoría de San Cibrao a través dun recurso contra a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Neste senso, instou a Feijóo, que “alardeaba da súa gran relación” co presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, a que lle esixa que “reconduza” a súa estratexia xudicial e se aveña a negociar a venta da planta.