O Carballiño, 21 de maio de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamou hoxe, dende o Carballiño, a lograr unha “mobilización masiva” como a que o pasado 28 de abril se deu nas eleccións xerais e permitiu que aflorase unha maioría de cidadáns, en Galicia, e en España, que apostan polas forzas progresistas.
Sobre todo, como dixo o líder dos socialistas galegos ante un auditorio municipal ateigado, porque a nosa comunidade necesita abrir “un novo tempo político”, ao que se chegará tras a vitoria do PSOE nas eleccións xerais sumada á que haberá na cita coas urnas do vindeiro domingo.
En compañía do alcalde do Carballiño, Paco Fumega, Gonzalo Caballero recordou “o varapau sen precedentes” que recibiu o PP nas eleccións xerais, tanto en España como en Galicia, e augurou que o partido que dirixe Feijóo seguirá perdendo votos nas eleccións municipais.
Sobre todo, como sinalou o máximo dirixente do PSdeG, porque “a maioría dos galegos e das galegas rexeitan eses pactos coa ultradereita” que o presidente da Xunta saudaba, ao tempo que xulgou que a súa política de “recortes e privatizacións” na sanidade pública tamén mereceu o suspenso da cidadanía.
O CARBALLIÑO
En clave local, Gonzalo Caballero destacou que “o futuro do Carballiño”, ao igual que o da provincia de Ourense ao completo, vén da man do Partido Socialista e de alcaldes como Paco Fumega.
“Só hai unha papeleta que representa o avance desta vila”, destacou, dende o convencemento de que o único obxectivo de Fumega é que O Carballiño “sexa un lugar amable, próspero e con futuro”.
Diso falou o rexedor, quen garantiu que a súa prioridade seguirán sendo as persoas e os servizos que sirvan para facer fronte ás súas necesidades, xunto cunha xestión responsable do concello.