O secretario xeral destaca “o récord de escapismo” de Feijóo no Parlamento, ao que acudiu 4 veces en 6 meses: “nin ten solucións nin lle preocupan os problemas de Galicia”
O líder do PSdeG pide que se consideren aquelas “vías de intervención que sexan legal e economicamente viables” para “manter o emprego” en Alcoa San Cibrao e resume as medidas da Xunta: “cero”
Santiago, 4 de xuño de 2020. O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou hoxe a “ausencia” de Feijóo na Cámara para abordar a crise de Alcoa e fíxoo destacando o seu “récord de escapismo histórico” do Parlamento: catro asistencias nos últimos seis meses.
“Omnipresente nos medios públicos, ausente nos problemas dos galegos”, resumiu o líder dos socialistas galegos, quen fixo fincapé en que Feijóo “escapa do Parlamento” porque “non ten solución” para as cuestións fundamentais “nin lle preocupan”.
“Escapa”, por tanto, “das súas responsabilidades” ao estar “ausente das grandes crises”, recalcou, toda vez que pandemia do coronavirus só motivou a presenza de Feijóo na Cámara en dúas ocasións, por máis de 30 na TVG. Todo iso, recordou, a pesares do acordo cos grupos para acudir regularmente a dar contas no Parlamento sobre a evolución da covid en Galicia.
“Galicia merece a presencia do presidente nas grandes crises”, enfatizou Gonzalo Caballero, quen atribuíu o feito de que Feijóo non queira falar de Alcoa no Pazo do Hórreo a que pretende amosar que “a política industrial non é cousa súa”.
“Prefire mirarse no espello buscando manterse na poltrona tras destruír 70.000 empregos”, incidiu o secretario xeral, aludindo á perda de postos de traballo nos 11 anos de Feijóo antes da chegada do virus. Un período no que, en España, creáronse 650.000 empregos.
A PRIORIDADE, MANTER O EMPREGO
Pola súa banda, despois dunha comparecencia do conselleiro de Economía da Xunta na que non aportou “nin solucións nin folla de ruta”, Gonzalo Caballero deixou claro que “o compromiso do PSdeG” é coa busca de “calquera vía legal e economicamente viable que priorice o mantemento do emprego” na planta de San Cibrao.
Así llo trasladou xa ao comité de empresa da factoría da Mariña lucense, así como a petición de que se convoque a mesa multilateral de Alcoa San Cibrao, na que están representados o Ministerio de Industria, a Xunta, a multinacional e o propio comité de empresa e os sindicatos.
“Hai unha crise industrial moi relevante”, sinalou Gonzalo Caballero, e lamentou que a Xunta só aporte “un folio en branco”. “Dedícanse a confrontar co goberno de España sen aportar ningún tipo de solución”, reprobou, consciente de que o balance industrial de Feijóo ao longo dos seus 11 anos de goberno é “moi negativo”.
“Póñanse a traballar con lealdade, exerzan as competencias que lles dá o Estatuto de Autonomía”, urxiu o secretario xeral do PSdeG, despois de deixar constancia de que o goberno de España entregou a Alcoa San Cibrao 38 millóns de euros en axudas nos últimos dous anos por “cero” do goberno galego.
“Sería o mesmo que non houbese consellería de industria”, evidenciou Gonzalo Caballero, quen reclamou a Feijóo que advirta á dirección da multinacional, coa quen ten tanta “complicidade”, que a súa actitude “non é de recibo”.
Despois de recordar como Aznar “vendeu a prezo de ganga” a antiga Inespal, na que o goberno de España fixera abondosas inversións para a súa modernización, o voceiro socialista fixou como “prioridade” inmediata impedir que paren as cubas. “Non pode parar o proceso industrial despois de 40 anos”, advertiu.
INDUSTRIALIZACIÓN DE GALICIA
Dito isto, Gonzalo Caballero reclamou tamén a aprobación do estatuto para as industrias de consumo electrointensivo, unha cuestión na que os gobernos do PP en Madrid -dixo- “non escribiron nin unha liña”.
Finalmente, o dirixente socialista botou en falta en Galicia “unha auténtica política industrial”, que tome medidas para “reindustrializar” o país. Fai falla, engadiu, un novo goberno “que traballe pola industria que vostedes abandonaron”.