O secretario xeral subliña que o PSdeG entendeu “a mensaxe das urnas” e traballará para “continuar abríndose á cidadanía” no novo ciclo político
Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2020. O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, dixo hoxe que “estou a disposición de cumprir con Galicia”. Así o dixo nunha primeira valoración do resultado das eleccións autonómicas do 12X, nas que os socialistas aumentaron o seu apoio electoral do 17 ao 19 por cento, que se traduciu nun escano máis, pero que resulta “insatisfactorio” por canto o PP mantén a súa maioría absoluta.
Gonzalo Caballero apuntou á necesidade de “aprender da mensaxe da urnas e continuar abrindo o partido á cidadadía”. Así o dixo ao anunciar a inminente convocatoria da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG-PSOE, o próximo xoves, na que a dirección analizará pormenorizadamente os resultados para preparar a nova etapa co obxectivo de “aspirar a un crecemento maior para que en Galicia haxa cambio”.
O líder dos socialistas galegos anunciou unha oposición “leal e responsable” dirixida a “dar toda a nosa capacidade e todo o noso esforzo e traballo nunha oposición digna que lle garanta a Galicia a alternativa necesaria para un futuro de progreso e prosperidade”. Comezou por dirixirse, onte mesmo, ao candidato do PP, a quen parabenizou polos resultados electorais.
Caballero apuntou a “extraer leccións tamén dos momentos difíciles” e amosouse disposto a ofrecer “unha mensaxe para revitalizar e abrir as portas do partido á sociedade”, para ofrecer un “proxecto máis compartido con maior penetración na sociedade galega”, como lle corresponde a un PSdeG que é “un instrumento ao servizo da cidadanía”.
Comprometeuse a “manter o temón en momento de tempestade” e tomar as leccións dun resultado electoral insuficiente mirando cara ao electorado moderado, coa convicción de que o PSdeG debe conectar coa maioría, tanto no electorado de esquerdas como no moderado, para erixirse na “alternativa necesaria” ao goberno do PP.
Sinalou as particularidades desta convocatoria electoral en plena crise do coronavirus, que alteraron e condicionaron os marcos desta cita, ata o punto de que, lembrou, os socialistas galegos se viron obrigados a manter á cabeza de lista por Lugo confinada durante unha semana enteira en plena campaña electoral.