O secretario xeral reivindica o PSdeG como “a casa común do progresismo” para “dar a Galicia o pulo que necesita tras o baleiro que deixan 10 anos de Feijóo”
O presidente do PSdeG defende o estado das autonomías, que trouxo “progreso, dereitos, benestar e igualdade”
Santiago, 25 de xullo de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reivindicou hoxe, Día Nacional de Galicia, “o compromiso galeguista e socialista” dun partido que aspira a construír “un novo rexurdir” para a nosa terra dende “o feminismo, o compromiso ético e a igualdade”.
Á vista de que Feijóo nos deixa “unha Galicia con menos posibilidades de futuro”, como sinalou na súa intervención trala ofrenda floral a Castelao en Rianxo, o líder dos socialistas galegos sinalou que “temos valores e ideas” e prometeu “traballar para transformar esta realidade”.
“O noso galeguismo ten na igualdade do socialismo a principal referencia”, abundou Gonzalo Caballero, quen defendeu tamén o compromiso coa defensa do medio e co desenvolvemento sostible, así como coa “rexeneración e a ética dos cargos públicos”.
E, tras citar a Antón Fraguas, o homenaxeado este ano no Día das Letras, cando dicía que “ser galeguista non é máis que ser amante da nosa terra”, o máximo dirixente do PSdeG chamou a “dar a Galicia o pulo que necesita” tras unha década de “inacción política e asfixia intelectual” de Feijóo que supuxo “un auténtico baleiro”.
Por iso, Gonzalo Caballero fixo “un chamamento a toda a cidadanía” para formar parte “da nova maioría social” a través “dun galeguismo reformista e integrador no que todos cabemos”. “O PSdeG é a casa común do progresismo galeguista”, engadiu, para comprometer que o partido estará “á altura das circunstancias”.
“Non podemos defraudar aos galegos e ás galegas que nos están esperando, aos milleiros que están esperando un cambio político no país”, recalcou o secretario xeral do PSdeG, dirixíndose a quen queren “máis e mellor política en Galicia”.
“UN ANO DE TRABALLO INTENSO POLA GALICIA QUE QUEREMOS”
Así as cousas, Gonzalo Caballero reprobou “a fuxida cara adiante con fume electoral” que está facendo o presidente da Xunta agora que se dedica a anunciar plans ata 2030 “do que non fixo en dez anos de goberno”. “Enganou a Galicia e quere seguir enganando”, censurou.
“Queda un ano de traballo intenso pola Galicia que queremos”, concluíu o secretario xeral, antes de deixar claro que “os galegos somos moito máis que a finca particular na que o PP quere converter a Galicia”.
“SOMOS UN PARTIDO CENTRAL EN GALICIA”
Tamén interveu no acto o presidente do PSdeG e voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen fixo “unha defensa pechada” do estado das autonomías, que trouxo “progreso, dereitos, benestar e igualdade”.
“A realidade plantexa novos problemas, pero non podemos desprezar o feito, senón que temos que partir dos seus valores máis profundos”, reflexionou Fernández Leiceaga, quen falou do respecto á lei e da defensa da liberdade e da igualdade como elementos que, ademais, “nos definen como partido e que cada vez teñen máis importancia na sociedade”.
Dende este prisma, sinalou que o PSdeG é “un partido central en Galicia”, máis aínda despois de gañar as últimas xerais e europeas e de resultar a forza que goberna sobre o 55% dos galegos e das galegas dende os concellos. “Temos unha enorme responsabilidade por diante”, engadiu o dirixente socialista, consciente de que a Feijóo “quédanlle doce meses para empezar a despedirse da Xunta”.
Pola súa banda, a secretaria xeral do PSdeG-PSOE en Rianxo, Mari Carmen Figueira, agradeceu que a súa vila siga sendo o escenario no que os e as socialistas conmemoran o Día Nacional de Galicia “dende hai máis de vinte anos”.
“Reunímonos aquí para recoñecer a nosa identidade como pobo e para manifestar a nosa confianza nas posibilidades para construír unha comunidade na que se poida vivir dignamente”, destacou, ao tempo que puxo o foco na posibilidade de gobernar Galicia dentro dun ano “cun proxecto que beneficie á maioría”.