O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, comezou a xornada electoral de hoxe en Ourense, dende onde sinalou a reactivación da campaña electoral e unha “mobilización masiva cara á maioría progresista”. Caballero apelou a concentrar o voto no PSdeG, que é “a única opción de cambio real” fronte a un “PP esgotado e cun proxecto sen futuro”.
Caballero pediu o apoio ao PSdeG “fronte a esa dereita do Casado da confrontación, dun Feijóo esgotado e recortador, fronte á dereita do caciquismo dos Baltar”. Sinalou que “vimos a Ourense e nos atopamos hoxe a Baltar xunto a Casado, o caciquismo histórico mesturado coa alcaldía do esperpento de Jácome”, que resumen “o que representa Feijóo para Galicia”.
Na outra banda, dixo, “o impulso, as ganas e a ilusión do PSdeG”, porque “a campaña está indo ben” á vista da “reactivación do electorado”. Así o amosan imaxes como a de onte en Pontevedra, nun mitin “a rebosar”, ou na pasada fin de semana coa visita de Pedro Sánchez a Ourense.
“Queremos construír unha Galicia mellor, porque xogámonos o futuro do país, onde non é o mesmo que goberne a dereita a que goberne a esquerda”, remarcou, poñendo o foco en que o PSdeG “xa goberna en cinco das sete cidades, e en tres das catro deputacións agás precisamente a de Ourense, onde temos o exemplo do que representa o PP”.
Un PP, incidiu Gonzalo Caballero, embarcado nunha “estratexia nerviosa de acoso e derrubo fronte ao PSdeG, porque viron que o ano pasado perderon na cidade todas as eleccións e a conexión coa cidadanía de Ourense”. Fronte ao “ataque continuo” do PP, defendeu a xestión dun goberno socialista a favor dos autónomos, que “saben que este é o primeiro goberno que lles deu un ingreso en tempos de crise”.
Por iso apelou a “pasar páxina do caciquismo e as trapallladas dos Baltar”, que “puxeron a Jácome como alcalde da cidade, cunha liña de letalidade -como definía Feijóo ao alcalde de Ourense- que non é admisible”.
“ALIADO” DE OURENSE
Gonzalo Caballero presentou a proposta dun goberno socialista “aliado coa cidade dende a Xunta de Galicia”, e engadiu que “queremos gobernar Galicia para poder adaptar o proxecto da intermodal, para ter unha infraestrutura de primeiro nivel en Ourense”.
Ademais, apostou por un proxecto “que non corte a estrutura urbana da cidade”, movendo a estación de autobuses readaptando o proxecto “para que haxa a posibilidade real de que Ourense teña un proxecto de cidade sostible, convivible e non illar o Barrio da Ponte”.
Así o dixo nunha visita a Ourense xunto cos integrantes da candidatura do PSdeG pola provincia que encabeza Marina Ortega, e na que tamén estivo presente o portavoz de Ourense na cidade, Rafael Rodríguez Villarino.
SANIDADE
O candidato socialista lembrou que hoxe visita Galicia o ministro de Sanidade, Salvador Illa, para unirse á campaña de Gonzalo Caballero cun proxecto de goberno “para fortalecer a sanidade pública galega”. Anunciou que o 13 de xaneiro “teremos aos mellores defensores da sanidade pública, aos mellores xestores e profesionais sanitarios dirixindo a nova etapa de progreso na sanidade galega en colaboración co goberno de España.
Caballero salientou o traballo do grupo de expertos do PSdeG en materia de sanidade, encabezado pola ex conselleira de Sanidade do goberno de Emilio Pérez Touriño, María José Rubio. Lembrou que aquel goberno incrementara o orzamento de sanidade nun 34 por cento en só catro anos, do que Feijóo recurtou 2.000 millóns de euros e suprimiu 500 camas nos hospitais públicos galegos en 11 anos.
Chamou a “rearmar e fortalecer a sanidade pública galega” logo de máis dunha década de precarización do emprego sanitario. Propuxo unha “aposta decidida pola sanidade pública galega convocando 5.000 prazas estables para os profesionais sanitarios, fortalecendo a Atención Primaria, estabilizando o emprego e garantindo servizos sanitarios nos hospitais comarcais.