O secretario xeral reprocha a Feijóo que “centra todos os seus esforzos en confrontar” co goberno porque “quere manterse no poder a través do escapismo”
A ministra de Educación recalca que “no es lo mismo” quen goberne e apela a vencer o “discurso de la antipolítica” que busca ganar a través da desmobilización
Ourense, 13 de novembro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, protagonizou hoxe na Festa da Rosa en Ourense coa ministra de Educación e voceira do Goberno, Isabel Celáa, para subliñar a importancia de “non perder nin un minuto” á hora de saír á rúa a convencer da importancia de ir votar o vindeiro 10-N.
“Non podemos permitir que un só voto de progreso quede na casa, porque nos xogamos o futuro e a prosperidade da España e da Galicia que queremos”, evidenciou o líder dos socialistas galegos, quen chamou a “mobilizarse a tope”.
De feito, recordou que “votar é un dereito” e desbotou o argumento do “cansazo”. “Se imos comprar o pan ou o xornal todos os días, como non imos ir para decidir o futuro do país”, engadiu Gonzalo Caballero.
Ademais, no caso de Ourense, o máximo dirixente do PSdeG sinalou que os progresistas xa saben “o que é loitar contra a dereita máis rancia e caciquil” e o que supón “cada voto”, á vista do pacto selado en Ourense para manter a Baltar na Deputación a costa de poñer un alcalde “letal”, como dixo o propio Feijóo.
Por iso, Gonzalo Caballero incidiu na importancia da participación o 10 de novembro “para frear ás dereitas e á ultradereita” e “para dicirlle a Casado, a Abascal e a Rivera que queremos a Pedro Sánchez como presidente do goberno”.
“ULTRADEREITA SEN COMPLEXOS” E “A POLÍTICA DE CAMALEÓN”
Sobre todo, como dixo o secretario xeral, á vista de que a entrada de Abascal no Consello de Ministros -algo que “ocorrerá” se lles dan as contas- suporá poñer “en risco a sociedade que temos” e os dereitos e liberdades cos que agora contamos.
Só hai que escoitar, sinalou Gonzalo Caballero, ao líder da “ultradereita sen complexos”, que non dubidou en saír a un plató de televisión a rexeitar “o dereito á interrupción do embarazo”, “negar a violencia machista” e cargar contra “o noso modelo de convivencia” amosándose partidario de “eliminar as autonomías”.
E, ao lado, situou o líder do PSdeG a “política de camaleón” do PP e Ciudadanos, que se referencian como “de centro” pero “gobernan coa ultradereita onde lle dan as contas” para facelo. “O PP perdeu a centralidade política”, lamentou.
GALICIA, “NA AXENDA DO GOBERNO”
Fronte a isto, Gonzalo Caballero reivindicou o que supuxo este ano de goberno de Pedro Sánchez, que permitiu que “un millón de galegos e de galegas” viran mellorar o seus ingresos mensuais. Así, recordou a suba das pensións que o PP tiña conxelada, a mellora do soldo dos empregados públicos ou o aumento do SMI.
E, xunto á “prioridade social” do goberno socialista, destacou as inversións nesta terra, como os 4.325 millóns para os estaleiros públicos de Ferrol ou a aposta pola biblioteca e o museo de Ourense. “Este goberno puxo a Galicia na súa axenda”, resaltou.
Así é que rexeitou “a política de confrontación” de Feijóo cun goberno que “vaille ben a Galicia” para tapar a súa mala xestión. A xeito de exemplo, Gonzalo Caballero preguntouse por que o emprego crece en España mentres en Galicia cae.
“O que fala de convivencia pacífica e de centralidade, fai un discurso falaz e centra todos os seus esforzos en confrontar”, reprobou, ao tempo que sinalou que “non nos podemos permitir un presidente que minte de forma continua, que non asume ningunha responsabilidade e que quere manterse no poder a través do escapismo”.
O PSOE, “O ÚNICO VOTO ÚTIL”
Así, tras advertir a Feijóo de que “non pode ser presidente se pon os intereses do PP por riba dos galegos”, Gonzalo Caballero destacou o “bo goberno socialista”, como queda patente tanto no goberno de España como en cinco das sete cidades galegas e en tres das catro deputacións.
Por iso, o máximo dirixente dos socialistas galegos chamou a “revalidar” o resultado que tivo o PSOE o pasado 28 de abril para ter “un goberno progresista forte e estable”. “O voto ao PSOE é o único voto útil”, concluíu.
“RETROCESO SIDERAL”
Pola súa banda, a ministra de Educación chamou a vencer o “discurso de la antipolítica” que están facendo as dereitas e a ultradereita, que buscan ganar as eleccións grazas á desmobilización. “No vayas a votar, que queremos ganar”, resumiu o obxectivo que perseguen.
Ao tempo, Isabel Celáa cargou contra aqueles partidos que “ponen un cordón sanitario a un partido con más de 140 años de historia” e despois “unen sus votos a Vox” alí onde lles dan as contas.
E, en referencia á nova foto do trío de dereitas onte en Madrid, a tamén voceira do goberno advertiu de que “a patria” non é envolverse en bandeiras, senón “atender á cidadanía” e darlle “dereitos, sanidade, educación, traballo, igualdade, pensións…”.
Así é que, incidiu Celáa, “no es lo mismo” que goberne o PSOE que a coalición de PP, Ciudadanos e Vox, porque o executivo de Pedro Sánchez ten demostrado nestes 16 meses que a súa prioridade está “na cidadanía”.
A modo de exemplo, a ministra recordou que foi este goberno o que devolveu o carácter universal á sanidade pública que o PP retirara, quen subiu as pensións ou quen incrementou as bolsas para o estudo. “No es lo mismo”, recalcou, sen obviar que “el retroceso” que sufriría o país da man das dereitas e a ultradereita sería “sideral”.
“ENCHER AS URNAS DE ILUSIÓN”
A encargada de abrir o acto foi a cabeza de lista ao Congreso por Ourense, Marina Ortega, quen chamou a “encher as urnas de ilusión e de dereitos” o vindeiro 10 de novembro, fronte á “suma das tres peores dereitas dos últimos anos” nunha coalición na que “Vox lidera o ideario”.
E despois de advertir de que unha provincia como Ourense “necesita o avance” que representa o goberno socialista, o secretario provincial do PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, subliñou que “necesitamos este goberno” para “dar un cambio a esta terra” e impedir que se converta nun “erial”.
Como mostra, o dirixente provincial socialista apuntou que Ourense ten a idade media máis alta de España e a taxa de actividade máis baixa, polo que urxiu “un proxecto que dea un cambio a esta terra” como o que representa Pedro Sánchez e como o que traerá Gonzalo Caballero, “o próximo presidente da Xunta”.