Denuncia o “cinismo” do PP que se opón a garantir cunha carta de servizos que nesta lexislatura non haxa concellos galegos que pechen a única oficina bancaria existente: “que se recuperen onde pecharon”
Sinala que a Xunta ”non quere abrir a Comisión das Caixas, que leva case unha década pechada, porque queren seguir escondendo as vergoñas do PP coa banca deste país”
O voceiro de Economía do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, censurou hoxe a negativa do PP a reclamar á Xunta “todas as medidas posibles” para garantir a inclusión financeira a maiores, persoas con discapacidade e tamén na Galicia rural. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, tralo debate dunha proposición non de lei neste sentido á que o PP votou en contra.
Neste marco, o responsable socialista criticou o “cinismo” do PP ao pedirlle medidas que están en curso ao goberno de España, mentres en Galicia a Xunta non adopta “nin un compromiso, nin unha medida, nin un avance para respaldar a inclusión financeira dos galegos e galegas”.
“A Xunta nin está nin se lle espera”, sentenciou Gonzalo Caballero, quen incidiu en que “por aí vai mal o goberno galego”, xa que, dende o ano 2008, pecharon 1.000 oficinas e “só no que vai de lexislatura pecharon case 200”. Neste sentido, lembrou, a modo de exemplo, o Concello da Baña, que hai uns meses quedou sen oficina, a única existente, situación na que se atopan case 50 concellos en Galicia.
Isto chega cando, segundo os datos do Banco de España, “dous de cada tres persoas maiores non teñen o hábito de realizar tarefas de forma dixital”, polo que “cómpre que o goberno galego mude a súa posición” e garanta “unha carta de servizos financeiros”, subliñou o dirixente socialista.
Con todo isto, Gonzalo Caballero lembrou que no Senado vén de aprobarse unha proposta para que, nos próximos tres meses, se desenvolva un plan de medidas para garantir a inclusión financeira para persoas vulnerables e maiores. Fronte a isto, lamentou, “a Xunta está ausente”.
“O PP TEN HISTORICAMENTE UNHA GRAN ALIANZA COA BANCA”
“Eu xa sei que o PP ten historicamente unha gran alianza coa banca, coa banca privada, pero eu lles pido que gobernen para os galegos e galegas” e “para defender a Galicia rural, a igualdade de dereitos para ter inclusión financeira e para dispor de oficinas bancarias abertas”, argumentou, pero “tamén pensando en tantos galegos e galegas que teñen algún tipo de discapacidade para quen os seus dereitos sempre son os máis complexos”.
Ao fío disto, o dirixente socialista reivindicou a inclusión social como un “dereito fundamental para ter unha cidadanía de primeira nunha democracia de primeira” porque “sen ter dereito á inclusión financeira, sen ter accesibilidade á banca no noso país, aos recursos financeiros, estariamos minguando os dereitos da xente para poder ter unha vida digna”.
“Gobernen e asuman á súa responsabilidade”, urxiu Gonzalo Caballero, quen lamentou que o Partido Popular “non estea pensando en Galicia”, senón “se de aquí ao verán haberá un novo presidente á fronte da Xunta de Galicia”.
A FUSIÓN DAS CAIXAS, “UNHA FOLLA NEGRA NA SÚA HISTORIA”
A raíz disto, Gonzalo Caballero lembrou que o PP ten “unha folla negra súa historia polo feito da fusión das caixas” e iso “é algo que Galicia non lles pode perdoar”, xa que “non se pode permitir esquecelo porque hai unha sentencia da Audiencia que di textualmente que ‘Caixanova nunca habría sido intervenida si no se le obligase a fusionarse con CaixaGalicia’”.
“E esa decisión non foi do Banco de España nin de ninguén máis que do presidente da Xunta e do goberno de Galicia, por iso vostedes non queren abrir a Comisión das Caixas, que leva case unha década pechada porque queren seguir escondendo as vergoñas do PP coa banca deste pais”, concluíu.