O secretario xeral denuncia no mesmo punto do Saviñao onde Feijóo prometeu “a lexislatura do rural” o seu “incumprimento flagrante” coa Galicia interior
O Saviñao, 16 de novembro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acudiu hoxe ao Saviñao -ao mesmo punto dende o que Feijóo prometeu “a lexislatura do rural” durante a campaña electoral-, para censurar os seus “anuncios de marketing” que se teñen concretado nun “incumprimento flagrante”.
Fronte ao “abandono” da Galicia interior por parte de Feijóo, Gonzalo Caballero reivindicou que o PSdeG está “en condicións de darlle un impulso con políticas de progreso e de avance que a dereita nin ten nin vai aplicar” no tempo que reste de mandato. Proba diso son as “medidas de apoio” aos sectores primarios postas en marcha pola Deputación de Lugo.
Sobre todo, como dixo o líder dos socialistas galegos, porque a dereita “déixanos un rural en peores condicións, menos atendido, sen potenciación dos sectores primarios” e, ademais, “sen servizos públicos en condicións de igualdade nos concellos pequenos e do interior” con respecto ás cidades e vilas.
Así é que, tal e como apuntou Gonzalo Caballero, a política de Feijóo co medio rural resúmese en “marketing, grandes anuncios” e “utilización” para acadar resultados electorais, posto que “non ten nas súas prioridades nin nos seus intereses dar igualdade de dereitos” á Galicia interior. De feito, estivo “máis preocupado pola súa promoción persoal e polo escenario do PP a nivel estatal” que polo medio rural.
“IMPULSO” AO SAVIÑAO
En paralelo, co foco posto no Saviñao, Gonzalo Caballero defendeu a necesidade de “darlle un impulso” ao Saviñao, da man de Celestino Rodríguez Pombo.
Intres antes dunha cea que suporá “o pistoletazo de saída” da súa candidatura ás vindeiras municipais, sinalou que “hai moito traballo que facer” á vista de que cuestións básicas como o saneamento ou a traída de augas nin sequera chegan á maioría dos núcleos de poboación.