O secretario xeral reivindica o compromiso dos socialistas “co público como garantía de calidade e proximidade”
Gondomar, 1 de outubro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, censurou este luns “a falla de aposta” de Feijóo pola sanidade pública, que está supoñendo en Galicia “problemas similares” aos que deixou a xestión do PP na Comunidade Valenciana e que foron revertidos por un goberno socialista.
“Feijóo dedicouse nos últimos tempos a un cambio de cromos no goberno de Xunta e a buscar a súa promoción persoal dentro do PP, e agora afloran problemas gravísimos de xestión”, recalcou o líder dos socialistas galegos, aludindo así á situación de Povisa e á posición na que se atopan os seus doentes e traballadores.
Así as cousas, Gonzalo Caballero esixiu a Feijóo que “se dedique a dar solución aos problemas dos galegos”, pois “as súas políticas de privatizacións e precarización” da sanidade pública” son “un fracaso”.
Nese escenario informou o máximo dirixente do PSdeG da reclamación de que compareza o conselleiro de Sanidade no Parlamento, á fin de que dea explicacións do que está sucedendo.
“Os socialistas apostamos pola sanidade pública, e cando gobernamos poñemos o público por riba de todo como garantía de servizo de calidade, próximo e gratuíto”, destacou Gonzalo Caballero, antes de recordar a Feijóo que “debe” ese mesmo compromiso ao país.
“BO GOBERNO”
En clave local, Gonzalo Caballero puxo en valor “o bo goberno” dos socialistas en Gondomar, co seu alcalde, Francisco Ferreira, á cabeza, e apelou a obter “unha maioría ampla e sólida” nas vindeiras eleccións municipais “que lle permita desenvolver o proxecto de futuro” que ten para esta vila.
Pola súa banda, o alcalde agradeceu a presenza do secretario xeral en Gondomar “para preocuparse polas inquedanzas dos nosos veciños” ante os incumplimentos do goberno galego.
“Cremos que a Xunta está tendo unha actitude discriminatoria e nada xustificada con Gondomar”, recalcou o rexedor, preocupado pola situación da estrada PO-331, o transporte público e a protección da Serra do Galiñeiro.