O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, celebrou hoxe “un novo triunfo electoral” do PSdeG, que lidera “a maioría de progreso” que abre “un novo tempo político” en Galicia. Na primeira valoración logo das eleccións municipais e europeas, sinalou que “os socialistas somos o presente e o futuro dos galegos e das galegas” mentres “o PP empeza a ser parte da historia”.
O líder dos socialistas galegos valorou “moi positivamente” os resultados electorais nunha “noite histórica para a democracia galega”, cun “novo triunfo electoral” que sitúan aos socialistas galegos “liderando a maioría de progreso de Galicia”. Á espera de coñecer os datos definitivos do escrutinio nos concellos galegos, Caballero sinalou que “os socialistas galegos obtivemos máis representantes, máis gobernos e máis apoio”.
Sinalou sen embargo que os resultados das eleccións europeas consolidan aos socialistas galegos como a primeira forza política na Comunidade Autónoma con máis de medio millón de votos dos gaelgos e das galegas. Advertiu o “novo tempo político” subliñado pola “hecatombe, derrumbe e varapau do PP tanto en España como en Galicia”.
Gonzalo Caballero valorou unha “noite de satisfacción e ledicia” que confirma aos socialistas como a primeira forza política de España, gañando as eleccións europeas, municipais e autonómicas. Dixo que “volvemos gañar as eleccións” logo dos comicios xerais do 28A, cun resultado que avala “que a axenda de avance social liderada por Pedro Sánchez siga adiante”.