O PSdeG reafirma o seu “compromiso galeguista e co autogoberno” nun acto no compostelano parque de Bonaval o vindeiro sábado
Santiago, 1 de abril de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, celebrará o sábado un acto de conmemoración do 40 aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia, para o cal contará cos expresidentes socialistas da Xunta Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño.
Deste xeito, o PSdeG, con Gonzalo Caballero á fronte, porá en valor o papel dos socialistas no Estatuto de Autonomía e reafirmará o seu “compromiso galeguista e co autogoberno”, o mesmo que levou ao partido a contribuír á elaboración dun texto estatutario “de primeira” para Galicia.
De feito, o PSdeG é o único partido dos que actualmente teñen representación na Cámara que participou na redacción da carta estatutaria promulgada o 6 de abril de 1981. “Sempre estivemos nos momentos clave defendendo a Galicia cun claro compromiso galeguista e coa autonomía”, resaltou Gonzalo Caballero.
No acto tamén participarán José Vázquez Fouz, representante do PSdeG na chamada Comisión dos 16, a que redactou o texto estatutario; e Margariña Valderrama, membro da executiva do PSdeG naquelas datas.
Ademais, tomarán a palabra Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago e Noa Díaz, deputada autonómica e coordinadora do libro ‘A esforzada conquista da autonomía’.