O secretario xeral sitúa ao PSdeG como “a esquerda na que se pode confiar”, xa que ten escrito “as mellores páxinas da autonomía galega”
Santiago, 11 de novembro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, resaltou hoxe, no seu acto de proclamación como candidato á Presidencia da Xunta, que é o momento de “resetear a política galega” para acometer “un cambio de ciclo” que é necesario na nosa comunidade.
Así, unha vez resolto todo o calendario interno do partido, cando se cumpre un ano da súa elección como líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero deixou claro a Feijóo que “cando queira convocar as eleccións, estamos preparados para o cambio”, que chegará porque Feijóo –augurou- non será quen de revalidar a súa maioría.
Sobre todo, segundo as súas propias palabras, porque a folla de ruta que está seguindo a dereita déixanos nunha situación “agónica”. De feito, contrastou o “relato do gran xestor” coa realidade dunha Galicia “con menos poboación e máis envellecida”, con “menos traballo”, cun medio rural “abandonado e sen impulso” e cun “deterioro sen precedentes” nos seus servizos públicos.
En contraposición, Gonzalo Caballero afirmou que o Partido Socialista está “en condicións de liderar unha maioría social clara”, formando “unha ampla coalición social con centos de milleiros de galegos que queren o cambio”. “O PSdeG é a casa común aberta para o progreso dos galegos e das galegas”, recalcou.
Por iso, tras reivindicar que “temos escrito as mellores páxinas da autonomía galega”, o máximo dirixente do PSdeG garantiu “traballo” para poñer en marcha un proxecto que permita “abrir un novo ciclo en Galicia”. “Somos a esquerda na que se pode confiar”, enfatizou.
As claves dese proxecto, debullou Gonzalo Caballero, pasan por “unha política económica activa” que contribúa a desenvolver todas as potencialidades do país e sirva para “fortalecer” os servizos públicos trala “desfeita” que deixa Feijóo. “Temos que ser quen de abrir oportunidades e de dar calidade de vida aos galegos e ás galegas”, apuntou, sen perder de vista o compromiso co “desenvolvemento sostible”.
“PÓDESE”
De seguido, o líder do PSdeG amosou o seu “orgullo” polo seu partido en presenza de centos de persoas e de distintos cargos públicos e orgánicos socialistas, como o expresidente da Xunta Emilio Pérez Touriño; a ministra de Traballo, Magdalena Valerio; os alcaldes de Vigo e Lugo, Abel Caballero e Lara Méndez, entre outros moitos de diferentes vilas de Galicia; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; e os presidentes das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, Valentín González Formoso, Darío Campos e Carmela Silva, respectivamente.
Nese contexto, reafirmouse en que “Galicia merece un cambio” e que “non podemos conformarnos nin resignarnos co relato que nos deixa a dereita”. “Este partido, se quere, pode”, animou Gonzalo Caballero, convencido de que “se a militancia se activa, temos a forza” para desaloxar á dereita.
“A DEREITA ESTÁ DESNORTADA”
Máxime, engadiu, no actual ciclo de recuperación que se constata a nivel do Estado e que ten a Pedro Sánchez como principal referente. “Nos 150 días de goberno, está transformando o país para ben”, destacou, non sen prognosticar “moitos anos” de goberno socialista malia “a campaña de acoso e derribo” posta en marcha por “unha dereita” que está “desnortada” trala perda do poder.
E o mesmo éxito que vaticinou o secretario xeral do PSdeG no eido estatal producirase na vindeira cita coas urnas, a das eleccións municipais e europeas. “É un reto importante, e traballaremos duro para acadar un maior número de alcaldías”, subliñou, dende o convencemento de que o PSOE será “a primeira forza política” de España nos comicios do mes de maio.
“CONQUISTAR O FUTURO”
Pola súa banda, Emilio Pérez Touriño destacou a elección de Gonzalo Caballero como candidato á Presidencia da Xunta pola súa “capacidade, compromiso e liderado” e apelou ao “esforzo de todos e de todas” para devolver un socialista ao goberno galego.
Sobre todo, como dixo, porque o goberno actual “carece de proxecto e de ambición” e “desgraciadamente, Galicia non vai ben”. “En demografía, en desequilibrio territorial, en servizos públicos, en emprego”, enumerou o expresidente.
Neste contexto, subliñou que “é o momento” de presentar un proxecto “ilusionante, confiable, crible” e que dea “progreso e prosperidade”. “Temos que conquistar o futuro para todos e todas”, concluíu Touriño.
“ESTAMOS PREPARADOS PARA GOBERNAR”
“Estamos preparados para gobernar”, recalcou a ministra de Traballo, Magdalena Valerio, quen destacou que Gonzalo Caballero ten “todas as bases” para converterse no próximo presidente da Xunta: “capacidade, solidariedade, feminismo, xustiza social”. E, tras recordar que estaba en Galicia cando Touriño foi investido presidente, amosou as súas ganas de vir en persoa á do secretario xeral do PSdeG.
É a hora, segundo dixo, de que as políticas enfocadas á calidade de vida e aos dereitos das persoas que está poñendo en marcha o executivo de Pedro Sánchez poidan desenvolverse en Galicia dende o ámbito autonómico.
Neste punto, a ministra lamentou que a labor de oposición do PP estea baseada “en la bronca”. “Son malísimos en la oposición porque aún no han terminado de digerir la moción de censura”, ironizou, e aproveitou para recomendarlle á dereita que “siga así”, unicamente criticando e sen amosar “visión de estado”. “Porque quien siembra vientos, recoge tempestades”, finalizou en alusión aos vindeiros comicios.
“VISIÓN DE PAÍS”
No acto tamén interveu a secretaria de Cultura do PSdeG, Noa Díaz, quen recordou que Gonzalo Caballero foi elixido en primarias hai un ano para liderar o partido en Galicia e saudou a súa elección como candidato pola súa “capacidade, tenacidade, compromiso” e pola súa “visión de país”.
Ademais, no transcurso do acto proxectáronse vídeos de apoio a Gonzalo Caballero por parte do expresidente da Xunta Fernando González Laxe; o presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o ministro de Asuntos Exteriores, Josep Borrell.