O secretario xeral propón a Feijóo unha batería de medidas nos eidos sanitario, económico e social tras acordar o aprazamento das eleccións autonómicas
Santiago, 16 de marzo de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosou hoxe “a man tendida” do socialismo galego fronte ao coronavirus. “Seremos colaboradores leais da Xunta e do Goberno de España na loita contra a pandemia”, asegurou, co convencemento de que “entre todos imos gañar a batalla”.
Así o dixo nunha comparecencia telemática ao termo da xuntanza con Feijóo e o resto de dirixentes políticos, na que se abordaron as propostas a desenvolver neste escenario de pandemia que supón “un reto colectivo”.
Tras poñer en valor o labor de todos os profesionais que traballan nos centros sanitarios, así como o das forzas e corpos de seguridade do Estado e daqueles que manteñen abertos servizos básicos como supermercados, farmacias ou gasolineiras, Gonzalo Caballero manifestou a súa comprensión coa cidadanía que está nestes días sometida a limitacións de mobilidade e ao cese da súa actividade laboral.
Neste escenario de “responsabilidade colectiva”, o líder do PSdeG trasladou ao presidente da Xunta a importancia de poñer en marcha medidas nos eidos sanitario, social e económico.
MEDIDAS SANITARIAS, SOCIAIS E ECONÓMICAS
Así, Gonzalo Caballero falou do reforzo de todos os programas sanitarios, tamén en recursos humanos, da apertura das plantas hospitalarias que permanecen pechadas, da posta en marcha de mecanismos de contratación para evitar a precariedade laboral dos profesionais sanitarios e de estudar a contratación temporal de profesionais xubilados recentemente.
Ademais, avogou por mellorar a Risga e as axudas de emerxencia social, e por mellorar a ensinanza telemática para os nenos e nenas que non poden ir ás escolas e tamén para os graos universitarios.
Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero formulou o aprazamento dos pagos das hipotecas para as persoas afectadas, ao igual que os pagos á administración autonómica, e poñer o Igape ao servizo de autónomos e pemes habilitando liñas de crédito para os sectores máis afectados, como o turístico, o do transporte e o do comercio.
ELECCIÓNS
En paralelo, o líder do PSdeG amosouse “plenamente consciente” da conveniencia de adiar as eleccións galegas, como xa dixera o pasado xoves, por cuestións de saúde pública e democrática.
“Estamos abertos a buscar un mecanismo legal que dea solidez e garantías a un proceso inédito e non regulado no marco legal”, explicou Gonzalo Caballero, á vista de que non existen vías legais para aprazar uns comicios xa convocados.
Por iso, apostou por buscar unha fórmula que teña “o consenso de todas as forzas”. Toda vez que a Xunta non aportou ningún informe xurídico, mañá haberá un novo encontro para traballar nesa liña.
Pola súa banda, Gonzalo Caballero amosouse aberto a levar a lexislatura ata o seu termo, o 27 de setembro, se non hai outra data que goce de consenso. Deste xeito, afondou, “todos os esforzos estarán centrados agora na loita contra o coronavirus”.