O secretario xeral celebra que o PSOE “volve estar onde nos gusta velo”, dando “un xiro” ao país e como primeira forza fronte á “derechona de Aznar e Casado”
Pontevedra, 4 de agosto de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, protagonizou hoxe en Pontevedra un acto co voceiro do PSOE e alcalde de Valladolid, Óscar Puente, no que ambos puxeron en valor os avances do “goberno de progreso” que encabeza Pedro Sánchez. “Está devolvendo o aire fresco a este país”, valorou o líder dos socialistas galegos.
Na mesa liña, Gonzalo Caballero asegurou que “toda a forza e a vitalidade” que está amosando o executivo nesta nova etapa “chegou para quedarse” e “seguir promovendo cambios”. “O noso motivo político é gobernar para eliminar as desigualdades”, explicou, ante un auditorio abarrotado, “e que ninguén quede na cuneta”. “Non podíamos ser cómplices dunha dereita á que lle valía todo”, sentenciou.
Precisamente por iso, por asumir “o reto de gobernar” e por “manter a prioridade social”, é polo que “o CIS e todas as enquisas” debuxan “un reencontro” do PSOE “coa maioría da sociedade”. “O PSOE volve estar onde nos gusta velo”, celebrou o secretario xeral do PSdeG, dando “un xiro” ao país e como primeira forza fronte á “derechona de Aznar e Casado”.
O “acerto” co que está gobernando o PSOE, profundou Gonzalo Caballero, sumado á “rexeneración e ilusión” que caracteriza ao PSdeG fai que Feijóo estea “preocupado”. “Porque en Galicia tamén promoveremos un cambio de ciclo, e Feijóo vaise acabar. Estamos en condicións de mandar ao PP á oposición”, asegurou, partidario de formar “unha gran coalición social” que “non se resigna” a que Galicia siga “indo a peor”.
“CINISMO E DESLEALDADE”
Só así se explica, continuou o máximo dirixente do PSdeG, o “cinismo” e a “deslealdade” que está amosando a Xunta co goberno, e que se evidencia, por exemplo, na marcha do conselleiro de Educación da comisión sectorial na que o ministerio acordou reducir o número de alumnos por aula e as horas dos docentes. “Hai melloras e vaise? Ese é o PP”, concluíu Gonzalo Caballero.
Ao fío diso, cargou contra o “cinismo” de Feijóo polas súas acusacións en torno aos ingresos do goberno á comunidade, pese a que foi Montoro quen “estableceu os criterios, e el calou”. “Non defendeu a Galicia fronte ao seu partido e agora vai de salvador da patria”, censurou o líder do PSdeG, quen deixou claro que os socialistas galegos “non permaneceremos calados ante esta deslealdade”.
Esta “estratexia” que está buscando Feijóo, como sinalou Gonzalo Caballero antes de participar nun xantar socialista en Cuntis, tamén en compañía de Óscar Puente, garda relación co feito de que saíu “noqueado” da xuntanza que mantivo na Moncloa con Pedro Sánchez, porque comprobou “o compromiso do PSOE” en todas aquelas cuestións nas que o PP “non actuou” a prol de Galicia.
“SUBIMOS EN LAS ENCUESTAS”
Pola súa banda, o voceiro da Executiva Federal do PSOE, Óscar Puente, sostivo que “no habrá adelanto electoral” porque “el Gobierno va a cambiar este país” e seguir desenvolvendo “a axenda do cambio” que está poñendo en marcha. Nese senso, afirmou que aqueles que non permitan esta vía e “fuercen al gobierno a unas elecciones, lo pagarán en las urnas”. “Nosotros subimos en las encuestas porque estamos haciendo lo que los españoles esperaban de nosotros”, declarou.
“Pedro Sánchez tiene las cosas claras” e a súa axenda pasa por medidas “para la regeneración democrática” e políticas sociais “para aflojar la soga que el PP puso en el cuello de los españoles” mentres gobernou España, sostivo Puente. Do mesmo xeito, recordou que Pedro Sánchez púxose “al frente de un movimiento de cambio” dende a secretaría xeral do PSOE e que agora ese cambio vese na impronta do seu executivo.
Trátase de “un movimiento de cambio femenino y feminista, social y ecologista” do que puxo como exemplo “la política humanitaria, seria y rigurosa” que aborda a inmigración dunha forma moi diferente ao novo líder do PP, Pablo Casado. A Casado recordoulle que os políticos “no podemos enfrentar a los españoles con los inmigrantes”, e pediu “lealtad” aos populares tamén para Cataluña ou a seguridade, “la misma que le hemos dado al Partido Popular cuando hemos estado en la oposición”.
“Queremos seguir siendo vanguardia, punta de lanza y marcar” exemplo, coas políticas sociais e de dereitos e liberdades, en Europa. “Le hemos dado al país lo que estaba buscando”, reiterou Puente, “un gobierno decente”, con “mujeres valiosas de nuestra sociedad que ocupan el lugar que les corresponde”, cunha “impronta de igualdad” e “una agenda social potente”, que non deixa ás persoas que menos teñen “tiradas”. O amosou onte o Consello de Ministros coa aprobación dun Real Decreto para que as 41.000 persoas que esgotaron as axudas e prestacións non queden desprotexidas.
“O CAMBIO SOCIALISTA EN GALICIA”
Tamén tivo palabras Óscar Puente para abordar a situación política de Galicia, e aproveitou para resaltar que Gonzalo Caballero “tiene todo lo que hace falta” para liderar esta comunidade. “Está moi preparado, ten moita ilusión e entusiasmo e está en perfecta sintonía coa dirección federal”, valorou, antes de amosarse convencido de que o tempo do “cambio” socialista tamén chegará a Galicia.
Diso falou tamén Paula Fernández Pena, a vicesecretaria xeral do PSOE na provincia de Pontevedra, dende o convencemento de que Feijóo terá na vindeira cita coas urnas “motivos para chorar”. Pola súa banda, a secretaria xeral dos socialistas na cidade, Maica Larriba, afondou nesa liña tras apostar pola “consolidación” de Pedro Sánchez como presidente do goberno.