Emilio Pérez Touriño recibe o galardón da Fundación 10 de Marzo como “unha apelación a construír un futuro mellor, pensando na xente que ten dereito a un futuro mellor”
Ferrol, 10 de marzo de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asistiu hoxe en Ferrol á entrega de premios da Fundación 10 de Marzo, que recoñece a traxectoria e o compromiso de Emilio Pérez Touriño, Olga Zurrón e Emilio Ledo.
No caso do expresidente socialista da Xunta, o líder do PSdeG aplaudiu que se distinga “o traballo de quen deixou en Galicia os maiores avances sociais e en defensa da clase traballadora e das liberdades”.
“É unha satisfacción, que nos enche de orgullo”, salientou Gonzalo Caballero, quen situou ao exmandatario como un “referente” para todos os socialistas.
Máxime, como evidenciou o secretario xeral do PSdeG, nun momento no que en Galicia e en España estamos “sufrindo recortes” nos distintos servizos públicos, entre os que destacou a sanidade e as pensións.
Do mesmo xeito, recordou que no noso país persisten “graves problemas de desemprego” e que os traballadores perciben aínda “niveis salariais moi por debaixo do que esixe un emprego de calidade”.
“CONSTRUÍR UN FUTURO MELLOR”
Pola súa banda, o expresidente da Xunta Emilio Pérez Touriño valorou o recoñecemento procedente de Comisións Obreiras e da Fundación 10 de Marzo co “compromiso a favor da democracia e as liberdades”.
Iso si, subliñou que non concibe a distinción como “unha apelación ao pasado”, senón máis ben como “unha reivindicación” da importancia de defender “os dereitos e liberdades” e que actualmente se están vendo “afectados” polas políticas da dereita.
“É unha apelación a construír un futuro mellor, pensando na xente que non ten un traballo digno e que ten dereito a unha vida mellor”, resolveu Emilio Pérez Touriño.