O líder dos socialistas galegos sinala: “é unha contradición que a Xunta impida ofertar máis prazas públicas en titulacións con demanda á vez que habilitan proxectos duplicados na privada”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, trasladou hoxe que os socialistas non respaldarán a Lei da Xunta para o Recoñecemento da Universidade Privada de Galicia. Así o dixo logo dun encontro co reitor da USC, Antonio López, no que tamén participou a portavoz de Universidade do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Noa Díaz.
O tamén portavoz dos socialistas galegos no Parlamento anunciou unha emenda de devolución á Lei do goberno galego, pendente de comezar o trámite parlamentario. Explicou que “é unha contradición que o goberno da Xunta non permita ás universidades públicas ofertar máis prazas nas titulacións nas que hai demanda á vez que están dispostos a habilitar proxectos de Universidade privados con títulos duplicados”.
Caballero situouse do lado dos tres reitores do Sistema Universitario de Galicia para “defender o público” fronte a unha iniciativa que “implica a duplicidade de titulacións e disfuncionalidades”. Apuntou que o modelo “pode ter espazo para iniciativas privadas”, pero “sempre sen duplicar títulos, co obxectivo de fortalecer o sistema e coa aquiescencia do SUG e dos tres reitores”.
Apuntou que “neste momento a prioridade é a Universidade pública”, e chamou a reforzar o financiamento das universidades públicas no Plan de Financiamento 22 – 26. Considera “necesario incrementar os recursos para que as universidades poidan fortalecer o cadro de persoal docente e investigador e darlle máis oportunidades aos estudantes do SUG, afrontando ademais os gastos derivados da pandemia”.
O líder dos socialistas galegos mantivo hoxe un encontro co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, no contexto dunha rolda polas tres universidades galegas, que comezou onte en Vigo con Manuel Reigosa, e que continuará na próxima semana co reitor da Universidade de A Coruña, Julio Abalde.