O ministro de Ciencia, Pedro Duque, subliña que “no es tiempo de gobiernos conservadores” e chama a “apostar por el futuro” da man dunha persoa “con tanto impulso, con tanta energía y con las ideas tan claras” como Gonzalo Caballero
O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, anunciou hoxe que un goberno socialista creará unha consellería de Ciencia e Innovación no goberno galego, para apostar pola vangarda dende Galicia en liña coas demandas dos investigadores, ao tempo que recalcou que “o voto ao PSdeG é a única forma de construír unha Galicia mellor”.
“Quero ser presidente para construír unha Galicia mellor, porque non é o mesmo cando goberna a esquerda que cando goberna a dereita”, recalcou dende Pontevedra, nun acto na Praza da Ferrería ante varios centos de persoas a 10 días das eleccións galegas.
Ao fío diso, Gonzalo Caballero advertiu de que “por un voto se decide un goberno” e que “non é o mesmo cando goberna a esquerda que cando goberna a dereita”. Máxime, incidiu, nun contexto de crise como o actual: “os que, en bonanza, destruíron 70.000 empregos, recortaron a sanidade e privatizaron as residencias non poden pilotar o futuro”.
“Queremos unha Galicia de futuro”, proclamou o candidato socialista, e “por un voto decidimos se Galicia avanza ou se mantén na estratexia de confrontación do PP, se seguimos coa senda dos recortes do PP ou camiñamos cara o progreso co PSdeG”.
“Estamos como motos, con impulso, con forza e con ganas, porque cada día se reactiva máis a maioría progresista que quere sacar ao PP da Xunta”, destacou Gonzalo Caballero, convencido de que esta crise “esixe unha resposta progresista”.
Por iso, apelou a esa “Galicia unida que quere sanidade e educación públicas, que quere igualdade, que pensa na xente” e chamou a votar ao PSdeG poñendo fin aos 11 anos do PP de Feijóo.
E, tras criticar que Pontevedra non tivo en Feijóo “un aliado”, senón todo o contrario, Gonzalo Caballero garantiu apoio a esta cidade cando sexa presidente.
“NO ES TIEMPO DE GOBIERNOS CONSERVADORES”
Pola súa banda, o ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque, subliñou a importancia do cambio en Galicia para “dar más oportunidades a nuestros hijos y nuestros nietos”.
“No es tiempo de gobiernos conservadores”, recetou Pedro Duque, quen chamou a “apostar por el futuro” da man dunha persoa “con tanto impulso, con tanta energía y con las ideas tan claras” como Gonzalo Caballero. “Espero que seas el próximo presidente de la Xunta”, concluíu.
“ENCHER AS URNAS”
O encargado de abrir o acto foi o tenente de alcalde de Pontevedra, Tino Fernández, quen ao igual que a número tres pola candidatura socialista por esta provincia, Paloma Castro, chamou a “encher as urnas de votos socialistas” o 12 de xullo despois de 11 anos nos que Feijóo “non fixo nada” por Pontevedra.
Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, pediu o voto para o PSdeG por “un cambio que saque a Galicia da cola”. “Hai que coller a papeleta co nome de Gonzalo Caballero”, finalizou.