O portavoz parlamentario do PSdeG censura que Feijóo “bote a pelota ao goberno” sobre a falla de persoal sanitario cando “obviou durante anos os problemas da sanidade pública” e “fixo ofertas laborais que se basearon na temporalidade e na precariedade”
O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, fixo hoxe un chamamento á “responsabilidade” e á “prudencia” de cara ás celebracións de Nadal e, incidiu, “non caiamos en debates ficticios nin sexamos augafestas, pero pidamos a máxima prudencia porque a evolución dos contaxios preocupa moito”.
“Fago un chamamento á máxima responsabilidade e á máxima prudencia, sen ser tampouco máis augafestas pero, se os comités clínicos e autoridades competentes non decretan que as persoas con dúas vacinas teñan que facer corentena tras un contacto estreito cun positivo, hai que seguir as instrucións sanitarias e entre todos non cometer erros para non disparar a transmisión”, sentenciou o dirixente socialista.
Neste sentido, Gonzalo Caballero considerou “axeitada” a “recomendación persoal” do presidente da Xunta para que non se xunten máis de dúas unidades familiares nas festas de Nadal; pero, incidiu, “é unha recomendación”, polo que “temos que dicirlle aos galegos e galegas que sexan prudentes e que cada un avalíe como debe de facer o mellor”.
“Todos temos que ser corresponsables”, destacou, xa que a evolución dos contaxios é “preocupante” e “podería levar a máis restricións no mes de xaneiro”.
En canto ao uso de máscaras no exterior, o responsable socialista quixo “matizar a súa relevancia” cando “en Galicia a inmensa maioría circulamos con máscaras no exterior”, polo que a medida “pode ser máis de imaxe que de efectividade pola transmisión”.
Con todo, Gonzalo Caballero concluíu que “todas as decisións que adopte a Xunta co informe do comité clínico contarán co noso respaldo”.
A POLÍTICA LABORAL DO SERGAS: “TEMPORALIDADE” E “PRECARIEDADE”
Doutra banda, o responsable socialista cualificou de “chamativo” que “dende o goberno da Xunta hai dous anos se dicía que non había ningún problema coa sanidade pública e, a medida que pasa o tempo, bota a pelota ao goberno de Estado facendo incidencia en que non hai persoal sanitario”.
“A Xunta obviou durante anos os problemas da sanidade pública, negou que houbese un problema co número de profesionais sanitarios e fixo ofertas laborais que se basearon na temporalidade e na precariedade, que fixeron emigrar a milleiros de médicos galegos e profesionais sanitarios”, sinalou. “O goberno galego ten que ser responsable das súas decisións”, sentenciou.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero pediu á Xunta que “mude” a súa política laboral de “precariedade” no Sergas, “que así foi cuantificada polo Consello de Contas”, e urxiu a “seguir cunha estratexia de vacinación intensa e fortalecer a sanidade pública en Galicia incorporando aos máis de 500 profesionais sanitarios que despediron nos últimos meses”.