O candidato socialista acusa a Feijóo de estar “ausente dos problemas” eludindo explicar “a verdade” do confinamento de 5 días para A Mariña
Comprométese a ser “aliado de Monforte”, atento ás demandas de sanidade e da industria e que “terá o teléfono aberto 24 horas ao día”
O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, apuntou hoxe á “reactivación do voto progresista”, cun ”movemento de tsunami electoral que vai retirar a Feijóo da Xunta e poñer un presidente socialista, galeguista e reformista”. Así o dixo nunha visita a Monforte xunto co seu alcalde e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.
O responsable socialista dixo que “o PSOE é a forza política na que os cidadáns poden confiar para o relevo”, e que “cada día que pasa o PP vai perdendo apoios e o PSdeG vai gañando forza, ilusión, máis conexión coa cidadanía e mobilizando ao electorado progresista que quere un cambio en Galicia”. Apelou así ás crecentes “impresións positivas” que “cada día dan sinais de que o electorado se está mobilizando”.
Chamou ao voto das persoas que o ano pasado apoiaron aos socialistas nos concellos e a Pedro Sánchez no Goberno de España para renovar o seu apoio ao PSdeG, que presentou como “barreira de contención fronte á dereita e á ultradereita”. Defendeu “unha nova páxina” no goberno galego fronte á posibilidade que nos arrepía e preocupa de que Vox entre no Parlamento de Galicia” para “pactar con Feijóo”.
Na súa visita a Monforte, sinalou que “Galicia necesita un presidente comprometido cos galegos e coas galegas, que diga a verdade con detalle”, mentres “os cidadáns están perplexos con como Feijóo se agocha e non quere explicar no Parlamento o que está ocorrendo na Mariña de Lugo”.
Preguntou “por que non quere explicar por que decretou un confinamento de 5 días cando tódolos expertos epidemiolóxicos esixen de 10 a 15 días” para frear ao virus. Sinalou que os alcaldes da comarca “están moi preocupados mentres o presidente da Xunta está ausente dos problemas dos galegos e das galegas, agochado e escondido, demostrando que non ten proxecto”.
Monforte
Sinalou que “desta crise hai que saír con políticas de esquerda” tamén en Monforte, que “terá na Xunta un aliado sempre pendente das demandas do alcalde para desenvolver os proxectos industriais e defender as necesidades hospitalarias e de servizos sanitarios”. Sinalou que “o alcalde de Monforte e presidente da Deputación terá 24 horas ao día aberto o teléfono do presidente da Xunta”.
Caballero comprometeuse así a desbloquear fondos para que os concellos galegos poidan desenvolver as súas competencias propias, mentres José Tomé agradecía a visita logo de ter tomado a “decisión acertada” de “non facer actos multitudinarios en Lugo para non tomar riscos e en solidariedade cos veciños da Mariña”, pasando a unha nova fase de campaña a pé de calle, eludindo as concentracións de grupo.