Ourense, 22 de maio de 2019. O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, viu hoxe a Feijóo obrigado a “recorrer á idea de pactos inexistentes do PSOE con outras forzas” porque “ve que os candidatos seus non tiran e vai quedar sen gobernar ningunha das 7 grandes cidades”. Así o dixo durante a súa visita á cidade de Ourense xunto coa ministra de Traballo en funcións, Magdalena Valerio, para acompañar ao candidato socialista á alcaldía, Rafael Rodríguez Villarino.
Gonzalo Caballero comezou a xornada electoral na cidade das Burgas, onde ironizou co argumento do líder do PPdeG, que onte tiraba da “falacia” dun suposto pacto entre PSOE e os independentistas. Reduciu o argumento de Feijóo a “unha mentira máis” dun político que “intenta asustar e espallar con pantasmas que ninguén pode crer” para tratar de frear por tódolos medios a “fin do seu poder político” que comezou nas pasadas eleccións xerais.
O líder dos socialistas galegos desmentiu o argumento de Feijóo lembrando que o PSOE “aplicou o artigo 155 –que suspende a autonomía de Cataluña- dende a oposición por sentido de Estado e para poñer freo a comportamentos á marxe da Lei. Sinalou que o PSOE é “a mellor defensa do constitucionalismo, da democracia e da Constitución”, ademais de “garantes da estabilidade nos gobernos e do progreso e o avance dos concellos”.
Chamou a unha mobilización “masiva” a favor deste partido nas próximas eleccións municipais que permitirá ao candidato socialista Rafael Rodríguez Villarino recuperar a alcaldía de Ourense e abriría as portas da Deputación logo de 31 anos de gobernos ininterrompidos polos Baltar. Chamou aos veciños e veciñas de Ourense “que non queden na casa e voten polo PSOE, que representa o futuro” para a cidade e a provincia.
Gonzalo Caballero conxurou aos apoios das pasadas eleccións xerais, onde con máis dun 36 por cento de voto a favor dos socialistas, a cidade “demostrou que sopla vento de cambio” para facer alcalde a Rodríguez Villarino. A súa candidatura será, dixo, “garantía de progreso e de pasar páxina dende o desastre da alcaldía do PP e non caer en ningún tipo de experimento que non será favorable”.
“Para saír da irrelevancia política –concluíu- Ourense necesita un alcalde socialista que teña contacto directo co goberno de España, e necesita marcar un novo tempo político na Deputación provincial”.
“Impulso” a Ourense
A ministra de Traballo en funcións, Magdalena Valerio, pediu hoxe o apoio ao alcalde socialista que lle concederá a Ourense o “cambio e impulso que necesita” e un proxecto avalado por “equipo, proximidade, cercanía, transparencia, honradez, así como confianza, seriedade e solvencia”.
Valerio visitou hoxe as Burgas, onde apostou por facer de Ourense “o centro de España cando se fale de saúde e benestar” e que sexa referente nacional de termalismo. Entre os retos da cidade, citou ao emprego como factor fundamental para frear o despoboamento e recuperar poboación, e sinalou á iniciativa do goberno socialista para eliminar os aspectos máis lesivos da reforma laboral ou acadar un novo Estatuto dos Traballadores.
Sinalou ademais á importancia que ten o Pacto na Mesa do Diálogo Social para garantir a viabilidade do sistema público de pensións para unha provincia na que, dixo, unha terceira parte da súa poboación percibe unha pensión contributiva.
Emprego e turismo termal
O candidato socialista á alcaldía, Rafael Rodríguez Villarino, resumiu o seu proxecto de cidade, baseado no impulso do traballo recuperando o Plan de Emprego posto en marcha pola anterior corporación socialista, antes da chegada do PP. Tamén propuxo un plan de choque contra o desemprego amparado no Programa Reincorpórate estatal dirixido aos parados de longa duración.
Rodríguez Villarino defendeu ás Burgas como “balón de osíxeno da cidade” como polo de atracción turística, e apostou por “que o termalismo deixe de ser un cartel sen nada detrás para que haxa un bulevar termal”.
O candidato socialista defendeu o seu proxecto fronte a “outras forzas políticas que carecen de infraestrutura e non digamos xa de ideoloxía” e a demostrada “incompetencia e irresponsabilidade” do actual alcalde do PP.
Sinalou que as eleccións xerais, cun 36,4 por cento de apoio ao PSOE, demostraron que “a cidadanía de Ourense xa non está oprimida, estaba comprimida e comezará a expandirse” da man do PSdeG, o “único partido que pode prestar recursos para facer realidade os nosos proxectos”.