O secretario xeral pide a Feijóo que “non desfaga nada máis” nestes últimos meses que lle quedan á fronte da Xunta
Santiago, 19 de xaneiro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe que o anuncio de que se reabrirá o paridoiro de Verín é “a primeira vitoria da maioría social progresista de Galicia en 2020”. “A mobilización da cidadanía arrinconou a Feijóo e tivo que recuar na súa decisión de pechar o paridoiro de Verín”.
E, tras requirir “celeridade” na súa reapertura, o líder dos socialistas galegos esixiu a Feijóo que acompañe a súa “rectificación” de “desculpas e de asunción de responsabilidades” por parte de todos os responsables que coma Feijóo negaron as condicións de seguridade do paridoiro de Verín e dos comarcais.
“Feijóo alegaba supostos criterios técnicos para o peche do paridoiro e falou de riscos para levar a cabo partos en Verín por un número de nacementos que consideraba escaso”, recordou Gonzalo Caballero, sen esquecerse de que son cifras similares ás doutros hospitais comarcais.
“Decidiu empezar por Verín pero ten programada a demolición da calidade na sanidade nas distintas bisbarras”, recalcou o candidato socialista á Presidencia da Xunta, quen xa sinalara no seu día que o peche do paridoiro era “unha decisión política” con consecuencias “moi lesivas” para a cidadanía.
Así pois, Gonzalo Caballero chamou a mobilizarse de cara á manifestación en defensa da sanidade pública que terá lugar o vindeiro 9 de febreiro. “É máis necesario que nunca frear a esta dereita“, concluíu, e pediulle a Feijóo que “non desfaga nada máis” nestes últimos meses que lle quedan á fronte da Xunta.