O líder do PSdeG sinala que “se o PP non propicia o cambio político en Ourense, estase a facer un haraquiri político porque os ourensáns saben que eles son os responsables do caos” da cidade
Rafael Rodríguez Villarino rebate as acusacións do PP e lamenta que o PP “tivo a oportunidade de elixir entre Ourense e Jácome, e elixiu Jácome” mentres “o PSdeG elixe Ourense”
O secretario subliña que “o TC deulle un coscorrón a Feijóo coa Constitución porque o PP lexislou saltándose os dereitos fundamentais”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, desprazouse esta mañá ata Ourense para amosar o seu respaldo ao voceiro municipal e secretario xeral do PSdeG na provincia, Rafael Rodríguez Villarino, logo de que anunciara a súa retirada para propiciar unha moción de censura que poña fin ao “caos” na terceira cidade de Galicia.
“O PP xa non ten escusas nin pretextos. É hora de tomar unha decisión e de rachar cunha situación caótica poñendo a firma nunha moción de censura”, sentenciou o máximo dirixente das e dos socialistas galegos, quen incidiu en que Feijóo “ten que decidir se quere sacar a Ourense da parálise ou se vai seguir sendo responsable desta situación de esperpento”.
E é que, como recordou Gonzalo Caballero, “o PP chegou a un acordo letal, de aldraxe, de falla de respecto á cidade para colocar a quen foi terceira forza política nas eleccións municipais á fronte da Alcaldía coa idea de blindar a dinastía do caciquismo dos Baltar na Deputación de Ourense” e isto provocou que hoxe a cidade estea “sumida no caos, na falla de xestión e no retroceso nas políticas” en ámbitos como a cultura, o urbanismo ou as políticas sociais.
Ao fío disto, lembrou que “Baltar dicía que en cinco minutos se resolvería o cambio político en Ourense se Rafa Villarino accedía a non ser candidato”, a pesares de ser o cabeza da lista que gañou as últimas eleccións municipais, polo que agora ten que colaborar para dar unha saída de futuro para a cidade.
“Se o PP non propicia o cambio político en Ourense, estanse a facer un haraquiri político porque os ourensáns e as ourensás saben que o PP é o responsable deste caos”, advertiu Caballero, antes de sinalar que “Baltar e Feijóo van quedar retratados como os grandes mentireiros da historia política da cidade”.
Precisamente por iso, á vista de que o PP tenta requirir a dimisión de Villarino como concelleiro, o máximo dirixente do PSdeG instou aos populares a “poñer unha firma para a moción de censura e deixar de tomar o pelo aos cidadáns”. “Se Feijóo ten a indignidade de tentar eliminar a quen é o candidato máis votado da cidade, amosará que estamos ante o PP máis antidemocrático de España”, sentenciou.
Con todo, Gonzalo Caballero amosouse consciente de que “Feijóo e Baltar están tentando enganar unha vez máis a Ourense e tentando enredarnos a todos”, pero deixou claro que “os ourensáns e as ourensás non son parvos” e que “nós non imos ser cómplices” desa estratexia. “Se queren a Jácome, que o poñan de referencia no PP e que Feijóo o convirta en vicepresidente do PP de Galicia ou en conselleiro”, concluíu Caballero.
“EXEMPLO DE DIGNIDADE”
En paralelo, o máximo dirixente das e dos socialistas galegos puxo en valor “a dignidade, a xenerosidade e a responsabilidade” do voceiro do PSdeG no Concello de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, ao amosarse “disposto a poñerse ao carón doutro alcalde socialista” para dar futuro á cidade.
“En momentos de tanta dificultade, xestos como o de Rafael Rodríguez Villarino dignifican a política”, enxalzou Caballero, quen destacou que o voceiro socialista “é un referente na cidade e na provincia” ao pór os “intereses colectivos” por riba dos “individuais” e “a pesar de ser o alcalde lexítimo” logo de que os “cidadáns falasen con claridade votando ao PSdeG de forma maioritaria” nas últimas eleccións locais.
Deste xeito, Caballero destacou o xesto de Villarino, que amosa que “é un político de primeira para unha cidade de primeira pero cun goberno municipal de terceira que non podemos seguir mantendo”. E resumiu así a situación de Ourense: “Feijóo agochado, Baltar atrincheirado e Jácome reinando o caos e a parálise”.
“SE NO PP PENSAN QUE SOMOS COMA ELES, SE EQUIVOCAN”
Pola súa banda, o voceiro do PSdeG en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, amosou o seu agradecemento ao secretario xeral do PSdeG polo apoio. “As súas palabras son unha honra”, sinalou.
Ademais, Villarino lamentou que o PP estea “enredando” e “confundindo” á cidadanía acusándoo de tentar unha manobra para converterse en alcalde logo da moción de censura a Jácome.
Ao respecto, lembrou que Baltar se presentara de segundo suplente á deputación e “cando inhabilitaron ao seu pai, dimitiu o primeiro suplemente e entrou el” como presidente da Deputación de Ourense, unha cuestión que “non ten nada que ver con isto”.
“Se pensan que somos coma eles, equivócanse”, sentenciou o responsable socialista, quen dixo que “agardaba unha mentira menos burda” do PP. “Facemos isto pola xente, non por rédito político. Paréceme que non é de recibo que alguén que dá un paso atrás sexa ademais acusado de non ser de fiar”, lamentou Villarino, quen incidiu en que “esta é unha cuestión de cidade”.
Nesta liña, lamentou que o PP “tivo a oportunidade de elixir entre Ourense e Jácome e elixiu Jácome”. Pola contra, sinalou, “no PSdeG eliximos Ourense”.
En canto á posibilidade de que deixe a corporación municipal, Villarino censurou a esixencia do PP cando “xa abonda con que renuncie a algo que me asiste lexitimamente como persoa que me presentei a unhas eleccións e encabezo a lista máis votada”. “A seguinte condición será que deixe de ser secretario provincial do PSdeG? Vanme dar pasaporte comunitario?”, ironizou Villarino.
LEI DE SAÚDE PÚBLICA
Á marxe, Gonzalo Caballero pronunciouse sobre a decisión do TC de admitir o recurso sobre a Lei de Saúde de Galicia por tentar establecer cuestións como a vacinación obrigatoria.
“O Tribunal Constitucional deulle un coscorrón a Feijóo coa Constitución Española porque o PP lexisla saltándose os dereitos fundamentais”, destacou o xefe de filas do PSdeG.
Así, criticou que o PP decidise aprobar unha lei “que superou os límites constitucionais” ao “xogar en clave partidista”. “Feijóo, que sempre tenta dicir que é o que máis defende a Constitución, recibiu un batacazo por saltarse a CE e facer unha lei que é un ataque contra os galegos e as galegas”, sentenciou o líder socialista.
Neste senso, pediu “responsabilidade”, xa que “non pode ser que cada comunidade autónoma decida lexislar os dereitos fundamentais de forma particular e concreta, porque a lexislación referente aos dereitos fundamentais e liberdades ten que estar no Estado con todas as garantías das leis orgánicas e con todos os requisitos constitucionais”.
Por último, o líder do PSdeG lembrou que “temos que buscar mecanismos para loitar contra a pandemia, pero sempre dentro do estado de dereito e do respecto aos dereitos e liberdades”. Nesta lista, instou ao PP a asumir que ten que volver a elaborar o texto de saúde pública cando cometeu un “exceso” polo que “foi reprendido”.