A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, acusou hoxe ao conselleiro de Cultura de situarse “á marxe” na reclamación das pías da Igrexa de San Xián de Moraime, en Muxía, sustraídas polos Franco nos anos 60 para trasladalas ao Pazo de Meirás sen os obrigados permisos. Así o dixo no debate dunha pregunta oral no Pleno de hoxe no que o conselleiro escudouse na propiedade da Igrexa para evitar tomar cartas no asunto.
A responsable socialista lembrou o papel do conselleiro como máximo garante do patrimonio artístico de Galicia e instouno a “como mínimo falar na Comisión Mixta Xunta – Igrexa” para coñecer “se a Igrexa quere facer algo”. Neste sentido, sinalou, “a súa obriga é colaborar”, pero do contrario, “se cadra ten maior responsabilidade para convencela de que ten que facer algo”.
Apuntou que o goberno galego “non pode poñerse á marxe” xa que, explicou, “non é un problema dunha propiedade privada, senón que se trata da defensa do interese xeral, da recuperación dun patrimonio de tódolos habitantes de Muxía e Moraime e por extensión de tódolos galegos e galegas que queremos defender o noso patrimonio cultural”.
No día da conmemoración da Matanza de Atocha, instou a fixar “unha estratexia para que a familia Franco non poida seguir á marxe da Lei” despois de décadas de apropiarse de cantos bens culturais chamaban a atención da esposa do ditador.
Lembrou que en 1960 foi Carmen Polo quen visitou a Igrexa, comunicou a súa intención de levar as pezas –datadas no século XII- ao Pazo de Meirás, para que ao día seguinte un camión procedera ao traslado. Daquela, e a pesares da oposición do Arcebispo de Santiago, a Igrexa decidiu non reclamar as pías dada a identidade da persoa, nunha decisión que “podía ser entendida nos anos 60, pero non pode ser entendida en 2018.