O responsable da Área Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, criticou hoxe o “cinismo” do goberno galego ao “presumir de recuperación económica” mentres manteñen os recortes para 90.000 empregados públicos. O responsable socialista presentou unha moción para recuperar as condicións destes traballadores que foi rexeitada polo PP.
Díaz Villoslada denunciou a estratexia do goberno galego de “adelgazar” os servizos públicos e “mudar o Estado do Benestar polo Estado da Beneficencia”, defendendo a “privatización, liberalización e individualización dos problemas sociais”. Así o dixo logo de constatar a negativa do PP e do goberno galego para devolverlle aos traballadores e traballadoras do sector público as condicións furtadas de forma “provisional” en 2012.
O responsable socialista criticou que o presidente da Xunta non queira apoiar ningunha medida para recuperar a calidade dos servizos públicos básicos e derrogar a Lei de medidas temporais do emprego público de Galicia, aprobada en febreiro de 2012 e aínda en vigor.
Responsabilizou a esta estratexia de demolición do sector público, encabezada por Feijóo, da taxa de temporalidade na sanidade pública por enriba do 20 por cento, que Galicia sexa a quinta Comunidade Autónoma na destrución de emprego público entre 2010 e 2015 e que haxa un 25 por cento de temporalidade no sector público de acordo coa EPA.
Esta devaluación dos servizos públicos está detrás, explicou, da saturación dos servizos de urxencias hospitalarias, do fracaso dos operativos de emerxencias nos incendios do mes de outubro, a desatención sistemática do servizo público de emprego, a caída no número de policías locais ou a precarización do servizo de vixilancia e seguridade na Xunta.
Proposta
Os socialistas galegos solicitaran hoxe un calendario de traballo na Mesa Xeral de Empregados Públicos para acordar un plan de Oferta de emprego Público que permitira recuperar ata 2020 as taxas de emprego estable de 2009, un calendario de consolidación de emprego temporal e promoción interna, a revisión das escalas de funcionarios de Seguridade e Saúde no Traballo, Bombeiros Forestais e Auxiliares de Clínica.
Tamén reclamaran un Fondo especial para a recuperación progresiva das contías deixadas de percibir polo complemento específico ou pagas extraordinarias entre 2013 e 2016 e a convocatoria permanente de concursos de provisión de vacantes.
Díaz Villoslada demandou tamén a derrogación da Lei 1/2012 de medidas temporais do emprego público e establecer un observatorio para a avaliación da calidade dos servizos públicos coa participación dos órganos responsables da Administración autonómica, a participación das organizacións de usuarios e consumidores, sindicatos e expertos.