A portavoz de Urbanismo do Grupo Socialista, María Pierres, acusou hoxe ao goberno galego de ter “desmantelado o parque público de vivenda” de Galicia logo de 9 anos de goberno de Feijóo. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para reactivar o parque público de vivendas de compra e aluguer dende o IGVS, que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista criticou que o goberno galego teña situado a súa política de vivenda en “coma inducido” renunciando a actuar fronte á nova burbulla inmobiliaria de aluguer que se está “comezando a fraguar”. Cualificou de “total fracaso” que o goberno galego teña cualificado tan só 9 vivendas autonómicas en 2017, que sumadas ás 3 estatais resultan 12 para un total de 11.801 demandantes.
Sinalou que “co ritmo dos últimos 5 anos non se ten cuberto máis que o 1 por cento da demanda anual existente entre os plans de vivenda estatal e autonómico, cando en España “non se chega a máis dun 2 por cento da oferta de vivenda pública –fronte ao 30 por cento dos Países Baixos- e ten a segunda cifra máis alta de custe do alugueiro sobre o total de ingresos dos fogares.
Pierres sinalou que a política de vivenda do goberno galego “está na cola na execución dos programas de entre todas as consellerías”, deixando de executar 17 millóns de euros, a pesares da redución de 10 millóns nas partidas para este programa con relación ao ano anterior. Isto supón 27 millóns de euros que deixaron de executarse, cos que se poderían habilitar ou construír entre 200 e 250 vivendas en Galicia.
Construcuatro
A parlamentaria socialista criticou que “para vostedes é moito máis interesante cubrir as costas a compañeiros de partido como Telmo Martín, actual alcalde de Sanxenxo, quen a través da súa empresa Construcuatro cobrou sobreprezos en vivendas protexidas. Advertiu que “se equivoca Feijóo desculpando a súa actuación co argumento de que gañou eleccións despois de coñecerse a apertura do expediente”.
Pierres puntualizou que “os votos non exculpan de responsabilidade” e engadiu que “se equivocan tamén cando rebaixan a súa implicación considerándoo un simple socio” xa que, explicou, “o señor Martín era a Construcuatro o que o señor Lito á ¨Panorama”.