O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe ao goberno galego de erixirse en “alegres promotores da precariedade no sistema sanitario”. Así o dixo logo de coñecer na Comisión de Sanidade o veto do PP a unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para mellorar a situación laboral do persoal dos Puntos de Atención Continuada –PAC- de Galicia.
O responsable socialista acusou hoxe ao goberno galego de “aproveitar o peor do modelo explotador laboral” para aplicárllelo aos traballadores e traballadoras da sanidade pública, con “quendas insoportables, contratos por días e horas e un estrés laboral inasumible”. Cébanse ademais especialmente, explicou, no persoal dos PAC, que contan coas “condicións laborais máis baixas do sistema”.
Os Puntos de Atención Continuada, dixo, carecen de equipos completos, deixando os centros desatendidos, elaboran os calendarios sen ter en conta o persoal dispoñible e non recoñecen, en definitiva, a súa posición a través de dereitos laborais. Criticou que o goberno galego tan só se preocupe de “botar balóns fora” e evitar recoñecer “o problema”, o que “suporía atender e dotalos dos recursos necesarios”.
Alertou de que o goberno galego está poñendo ao límite ao que é “a peza fundamental do sistema”, con 1,5 millóns de atencións en 2017 e un aumento da demanda dun 25 por cento dos últimos anos. Criticou que a actuación do goberno galego se limite a “grandes palabras, pero moi pequenos feitos”, cun conselleiro que se permite “rifar aos usuarios de urxencias” cando o problema é que atención primaria carece dos medios suficientes.
Sinalou que “non se pode derivar o problema a parte do sistema sen darlle os mecanismos necesarios” cando se trata dun “problema fundamentalmente de persoal”. Acusou ao PP e ao goberno galego de “escudarse en datos falaces” ao incluír no orzamento un persoal sanitario que en realidade carece de contratos estables no sistema, co que “son datos irreais, que non existen”.