A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de presentar en Comisión unha pregunta oral na que lle reclama á Xunta que elabore e poña en marcha de forma urxente un protocolo de xestión de residuos covid. Castro alerta de que a xestión destes residuos “ten que ser algo prioritario polo risco infeccioso que estes entrañan”.
A responsable socialista advirte de que actualmente “non existen os medios necesarios” e alerta de “problemas se non se establecen unhas directivas específicas, acompañadas dun gran control por parte da administración”. Así, lembra dos casos rexistrados en Cataluña, a Comunidade Valenciana, Baleares, Madrid ou tamén Portugal, pola falla de control destes residuos.
Lembra os casos onde “a Garda Civil abriu unha investigación a unha gran empresa pola inadecuada xestión destes residuos sanitarios covid, poñendo en perigo o entorno, e que finalizou con 20 persoas detidas”. Reclama “unha recollida e almacenamento seguros e con tódalas garantías sanitarias”, xa que “unha xestión irregular pode comprometer tanto á saúde pública como ao medio ambiente”.
Normativa
Paloma Castro apunta que a Orde 271/2020 do Goberno de España determina instrucións para a xestión de residuos derivados da covid – 19, mantendo as competencias nas comunidades autónomas “para adoptar as medidas que estimen necesarias”. Mentres, o Ministerio de Transición Ecolóxica ten emitido unha instrución o 17 de marzo que determina que estes residuos se xestionarán como infecciosos “segundo o disposto na regulación autonómica”.
Sen embargo, sinala, “a pesares disto, a nosa Comunidade Autónoma non elaborou ningún protocolo ou regulación específica que estableza directrices sobre a xestión destes residuos, o sistema de almacenamento ou de tratamento dos mesmos”. A Xunta de Galicia, apunta, “remite á instrución estatal ou aplica a normativa galega vixente en materia de residuos sanitarios que se remonta ao ano 2015”.