A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, denunciou hoxe o desleixo do goberno galego en materia de I+D+i, que ten feito de Galicia a segunda Comunidade Autónoma con menor impacto da innovación nas empresas, só por diante de Estremadura. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión na que alertou dos efectos “moi negativos” dos recortes da I+D sobre a industria, servizos e educación.
A responsable socialista advertiu que os recortes do goberno de Feijóo teñen conxelado a I+D+i de Galicia no 0,89 por cento do PIB, co que a Comunidade Autónoma co 6 por cento da poboación do Estado, que representa o 5 por cento do PIB, tan só inviste en innovación o 3,6 por cento do total estatal. Esta situación fai que no mapa de talento Galicia sexa hoxe, dixo, a sexta Comunidade Autónoma empezando pola cola.
Rodríguez Rumbo sinalou que “a suposta Axenda Industrial da Xunta de Galicia noni é máis que a historia dun fracaso e a estratexia de internacionalización para atraer capital foráneo non é máis que unha campaña de publicidade e propaganda”. Explicou que estas estratexias “só son posibles en territorios que apostan dunha maneira clara pola innovación”, e Galicia perdeu máis de 20.000 postos de traballo dende 2009, que ascenden a 36.800 só no sector da industria.
Perda da competitividade
Advertiu que estes “recortes sistemáticos” no sistema de ciencia, tecnoloxía e innovación “ten efectos moi negativos no ámbito industrial, de servizos e mesmo educativo”. Deste xeito provoca unha “menor competitividade do sistema económico e tamén do sistema universitario e cunha incapacidade obxectiva para desenvolver proxectos de investigación e carreiras investigadoras solventes e sostidas no tempo”.
A parlamentaria socialista acusou ao goberno galego de apostar polos recortes e pola devaluación salarial, no camiño contrario da consolidación dun tecido empresarial competitivo e un mercado laboral de alto valor engadido. Esta estratexia, dixo, “é equivocada dende un punto de vista económico, incrementa as desigualdades e provoca unha sociedade máis dual e inxusta”.