O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe ao goberno galego de “chegar tarde” á app Radar Covid, unha ferramenta “non única pero si útil para controlar os contaxios da pandemia”. Torrado presentou unha pregunta oral en Comisión sobre a xestión do goberno galego desta aplicación, que deixou de lado mentres promovía unha autonómica que “aínda non sacou adiante”.
Como resultado Galicia foi unha das catro últimas comunidades autónomas en incorporarse á aplicación estatal, hai apenas días malia que estaba habilitada dende o 18 de agosto, e á que outras autonomías se incorporaron xa dende o día 20, hai máis de un mes. Explicou que este tipo de mecanismos son “útiles se podemos telas todos, e é moito mellor ter unha para toda España que diferenciada por comunidades autónomas”.
Neste sentido, puntualizou que “é moito máis interesante ser produtivos que destacar”, e puxo como exemplo o estudo serolóxico impulsado polo goberno galego e que se demostrou que “servía para pouco” á vista dos “pobres” resultados. Estes constataron, engadiu, que o goberno galego “desperdiciou 50.000 test –enviados dende o goberno de España- para presentar un informe que finalmente non se presentou.
Rastrexadores
O parlamentario socialista amosou a súa sorpresa pola afirmación do secretario técnico de Sanidade, que dixo que a app era un “bo complemento para os rastrexadores” cando o propio conselleiro de Sanidade dixo onte no Pleno do Parlamento que “non existe esa figura laboral”, desmentindo ao propio Feijóo, quen antes das eleccións dixera que en Galicia había máis de 6.000 rastrexadores.
Torrado sinalou que pola resposta de onte “quedou claro que no asunto dos rastrexadores non hai nada claro”, e sinalou que “se é que son tan importantes, digan cantos temos na nave de Bergondo” onde traballan os teleoperadores encargados de xestionar as chamadas relacionadas coa covid.