A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, alertou hoxe das graves consecuencias do fracaso das políticas de emprego e do deterioro dos servizos públicos provocados pola Xunta. A responsable socialista dixo hoxe en Comisión que Galicia aglutina o 43 por cento do total do crecemento vexetativo negativo de todo o Estado.
Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei na que lle reclamaba á Xunta políticas de recuperación demográfica, o reforzo dos servizos públicos sinaladamente no rural e adoptar as recomendacións presentadas pola Comisión de Despoboación da Femp. Alertou do risco de que Galicia teña o crecemento vexetativo máis baixo do Estado, perdendo 95.000 persoas dende 2009 e 7.000 só no último ano.
A situación, alertou, chega a que o propio IGE ten estimado a perda de 230.772 persoas entre 2017 e 2031, o equivalente ao 68,56 por cento da poboación de Lugo ou a perder a 3 de cada catro ourensáns. O despoboamento, dixo, afecta ademais ao equilibro do Estado do Benestar, xa que un menor número de habitantes reducen as aportacións e a redución dos beneficiarios encarece os servizos.
Rodríguez Rumbo lembrou que o goberno galego aprobou o pasado 23 de marzo un documento cun suposto investimento de 230 millóns de euros dirixidos a fixar poboación do que a día de hoxe non teñen presentado un balance de resultados. Advertiu que “non teñen revertido a perda de poboación” e sitúan cada vez máis lonxe o obxectivo de pasar de 1,2 a 1,59 fillos por muller para o ano 2020, de acordo co Plan Estratéxico de Galicia.
Responsabilizou desta situación ás políticas fracasadas postas en marcha polos gobernos do PP, que gobernaron 25 anos en Galicia, os últimos 9 de xeito continuado da man de Feijóo. Sinalou que agora “anuncia a Lexislatura do Rural pero deixa aos concellos sen atención pediátrica, os Centros de Día e as residencias son insuficientes e non hai escolas infantís nos concellos con demanda”, e unha “inexistente política de vivenda de promoción pública”.