A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Control da CRTVG, Noela Blanco, advertiu hoxe que “a lingua non é un problema, o problema é a galegofobia” da que están “presos” os medios públicos de comunicación. Blanco presentou unha pregunta en Comisión logo de que o programa A Revista criticara a proba de galego na ABAU, dicindo que “os nosos estudantes saen perdendo”.
Para a responsable socialista, a CRTVG funcionou como “correa de transmisión” da posición do goberno galego en plena campaña de Feijóo para reivindicar unhas probas de acceso á Universidade únicas en todo o Estado. Criticou que trataran á lingua “coma se fora un problema” para respaldar á política lingüística da Xunta, a “máis discriminatoria dende a chegada da democracia a Galicia”.
Blanco lembrou que a promoción e a defensa do galego é un dos piares fundacionais e a razón de ser dos medios públicos de comunicación de Galicia, e que “a súa principal función é contribuír no impulso da normalización do galego, non desprestixiar nin ningunear á nosa lingua” e polo tanto “tirar pedras contra o seu propio tellado”.
Hipersexualización
Noela Blanco cualificou hoxe de “inaceptable” a emisión, no espazo A Revista, dunha peza con consellos para maquillar a rapazas con vista á Primeira Comunión. A responsable socialista criticou o “fomento da hipersexualización” das pequenas nunha mostra de “machismo e frivolidade irresponsable no tratamento da infancia”, ademais de priorizar unha liturxia propia da relixión católica, “favorecendo unhas crenzas sobre outras cando estamos nun Estado aconfesional”.
A responsable socialista reclamoulle ao director xeral da CRTVG que “poña tódolos mecanismos para impedir que isto volva suceder”. Dixo que “non queremos unha televisión de mamachichos” con reportaxes que dean “unha idea para que as nenas se vexan naturais” ou consellos para “buscar un look natural, con cores rosa ou salmón”, seguindo a mesma liña, lembrou, que denunciaba a coñecida película “Pequena Miss Sunshine”.