O voceiro parlamentario do PSdeG critica a Feijóo que “poña Galicia ao servizo dos intereses do PP en lugar de poñer ao PP ao servizo de Galicia”
O portavoz socialista na Cámara acusa á Xunta de carecer de estratexia para Galicia “máis alá dunha serie de medidas inconexas” propias de quen “non sabe para onde quere avanzar”
O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, interveu hoxe no Debate sobre o Estado da Autonomía para marcar as prioridades de Galicia de cara á reactivación.
En concreto, sinalou o fortalecemento dos servizos públicos, a modernización da economía e a xeración de emprego de calidade como os tres eixos fundamentais nos que se debe sustentar a recuperación de Galicia e, a este respecto, lamentou que o presidente da Xunta careza de “visión, de ambición e de compromiso” para darlle respostas aos problemas galegos e ás galegas e que se amose “máis preocupado” de confrontar que de gobernar.
De feito, remarcou que a intervención de Feijóo hoxe no Parlamento retrata a un presidente que “non estivo á altura do que o país necesita” ao intentar debuxar Galicia como “unha Arcadia feliz” mentres se esquece “dos problemas da cidadanía”. Nesta liña, enumerou as numerosas eivas en servizos públicos, como a sanidade ou a educación; as dificultades coas que se atopa a nosa mocidade para atopar emprego; a falla de servizos no rural ou os problemas industriais ou económicos que padece Galicia.
En definitiva, o voceiro socialista incidiu en que Feijóo “non lles falou aos galegos nin lles deu unha resposta aos seus problemas nin un proxecto de país”. Por contra, estivo “máis preocupado de ser un líder opositor que de ser un presidente” ou de “poñer Galicia ao servizo dos intereses do PP no canto de poñer ao PP ao servizo dos intereses de Galicia”.
Nesta liña, Gonzalo Caballero lamentou que hoxe Feijóo actuase máis como “un Casado bis” que como presidente da Xunta, unha situación que enmarcou “nunha escalada de tensión política que a dereita e a ultradereita queren marcar para intentar sacar a un goberno de España lexitimamente constituído”.
En paralelo, Gonzalo Caballero evidenciou que a Xunta non sabe xestionar os fondos adicionais que lle están a chegar do goberno de España, porque desenvolver “políticas expansivas” fronte á crise é “unha emenda á totalidade” de todo o que o PP ten feito ata o de agora.
DEFENDER O PÚBLICO
De feito, o voceiro socialista advertiu de que “a filosofía” que ten Feijóo “é perigosa”, porque “segue aplicando recortes e políticas de facer máis pequeno o público”. “Se algo terían que ter aprendido con esta crise”, subliñou, “é que hai que defender o público por riba de todo”.
Con este obxectivo, Gonzalo Caballero instou á Xunta de Galicia a gobernar “defendendo os servizos públicos e o estado de benestar e loitando contra a desigualdade” e fixo fincapé na necesidade de ter “máis sanidade pública, máis educación pública e máis políticas sociais”. Ese é “o mellor escudo protector para protexer aos galegos e galegas en situación máis vulnerable para que dunha crise tan profunda coma esta non saiamos cunha sociedade cunha enorme fenda de desigualdade e con maior exclusión”, sinalou.
Seguindo cos eixos da reactivación, Gonzalo Caballero reclamou ao presidente da Xunta que aposte pola modernización da economía galega. “Atopo un goberno ausente e sen modelo”, lamentou, e subliñou que “temos que facer fronte á dobre transición ecolóxica e dixital e apostar por un modelo de I+D+I que permita unha economía máis vangardista, tecnoloxicamente máis avanzada, máis competitiva e con maior produtividade”.
Finalmente, Gonzalo Caballero marcou a xeración de emprego como “unha cuestión clave”. Dende que Feijoo é presidente, recordou, a poboación ocupada caeu en Galicia de forma importante e hai menos traballadores no conxunto do país. “O Partido Popular”, censurou o líder socialista, “fala moito de xeración de emprego, pero Feijoo é o mellor exemplo do fracaso da xeración de emprego en Galicia”.
Neste contexto, Gonzalo Caballero tendeu a man ao goberno galego “para que decida se quere construír o futuro con acordos de país ou se quere seguir ancorados nun rodillo do PP que non serve e que non dá solucións”.
GALICIA MERECE UN PRESIDENTE QUE DIGA A VERDADE
No seu discurso durante o Debate sobre o Estado da Autonomía, Gonzalo Caballero tamén fixo un detallado repaso ao gran número de eivas que presenta a xestión do PP nos últimos tempos.
Canto á sanidade, Gonzalo Caballero lembrou que por primeira vez hai listas de agarda estruturais en atención primaria, que chegaron ata os 26 días, e unha saturación en todas as áreas sanitarias que ocasionou unha denuncia do colexio oficial de médicos de Pontevedra; denunciou o peche de 600 camas durante o verán e o intento da Xunta de agochar as listas de espera coa atención telefónica.
Por iso, “os galegos e as galegas”, incidiu o voceiro socialista, “merecen un presidente que lles diga a verdade” e non trate de obviar os problemas que existen logo de 12 anos de falla de investimentos. “Porque vostede está enganando aos galegos e lles está faltando ao respecto”, engadiu, sen esquecerse das protestas que existen en todas as áreas sanitarias.
Na mesma liña, en educación, Gonzalo Caballero recordou que a Xunta empezou o curso despedindo centos de profesores e negando a gratuidade dos libros de texto ou das matrículas na universidade. De feito, sinalou que as universidades públicas galegas están hoxe por debaixo do nivel de financiamento que tiñan no ano 2009, o último ano de goberno de Emilio Pérez Touriño.
No que respecta ás políticas sociais, Gonzalo Caballero requiriu que o anuncio do novo modelo de residencias non sexa “un novo golpe de efecto cosmético co que maquillar os fracasos” e comprometeuse a “contribuír” para aportar propostas que dean “toda a dignidade para os galegos e as galegas que precisan eses servizos”.
A maiores, recordou que Galicia está á cola de España en investimento por dependente e por debaixo da media en prazas residenciais de maiores e persoas con discapacidade. “Cando máis cartos hai na Xunta, temos a Xunta con menos empatía”, censurou o voceiro parlamentario do PSdeG.
GALICIA, ALMACÉN DE DESASTRES INDUSTRIAIS CO PP
Por outra banda, Gonzalo Caballero comparou a política económica e industria cun “folio en branco” xa que, nesta materia, “non hai modelo nin estratexia máis alá de discursos desordenados e de medidas inconexas de quen non sabe para onde quere avanzar”. Así, Galicia converteuse nun “almacén de desastres industriais” con peches de numerosas empresas como Pescanova, Alfageme ou Pórtico e problemas que na actualidade poñen en risco a continuidade de moitas outras industrias.
Neste contexto, Gonzalo Caballero reclamoulle a Feijóo que aproveite a oportunidade que ofrecen os Next Generation fronte a unha xestión dos europeos que é “manifestamente mellorable”. Como exemplo disto, lembrou que a Xuta deixa sen executar catro de cada dez euros de fondos europeos ou que a Xunta ten “a dubidosa honra de ser o primeiro goberno que tivo que devolver fondos europeos, por non ser quen de executalos en prazo”.
A maiores, Gonzalo Caballero incidiu na necesidade dunha política de vertebración territorial “que apoie a Galicia rural, interior e dos pequenos concellos” fronte á política da Xunta, que consistiu en “quitarlles dereitos”.
Finalmente, Gonzalo Caballero apostou por iniciar o debate para a reforma do Estatuto de Autonomía unha vez se supere o peor da pandemia. Esa reforma ten que servir para “adaptar o Estatuto aos novos tempos” e para incluír nel unha “carta de cidadanía” que garanta que todos os galegos e galegas poidan ter os mesmos dereitos en igualdade independentemente do seu lugar de residencia.