O portavoz do Grupo Socialista repróchalle a Feijóo que no pasado decembro augurara que 2021 acabaría sen que o AVE chegara a Galicia
Caballero Reclama máis compromiso cos servizos públicos en sanidade, educación e políticas sociais e lamentou que o PP “vaia máis alá que a Xunta na alianza fiscal cos que cobran máis de 100.000 euros ao ano”
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2021. O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, lamentou hoxe a “oportunidade perdida” que representan os Orzamentos da Xunta para o ano 2022. Caballero interveu para presentar a emenda á totalidade das contas que presenta a Xunta e coas que “non imos ben para reactivar a economía e impulsar a Galicia, pois dilapidan e prefiren enterrar os fondos” adicionais poscovid que “non saben xestionar nin priorizar”.
Sinalou que os Orzamentos da Xunta “non están á altura do que Galicia necesita” ao perseverar nun “plantexamento contable sen proxecto de país, sen estratexia para a reactivación, sen modelo económico, sen medidas e en definitiva sen política económica”. Sinalou que as contas limítanse de novo a un axuste que renuncia á modernización do país e que fracasan evitando potenciar os servizos públicos, a creación de emprego de calidade e a reactivación económica.
O responsable socialista lamentou que a Xunta non entenda os erros da política económica que lastraron a recuperación da anterior crise económica e os que “hoxe todo o mundo rexeita”. Explicou que o novo paradigma defende a saída da crise con “políticas keynesianas, expansivas”, que renovan “a importancia do social e apostan polo crecemento económico, polo emprego de calidade e o modelo do Estado do benestar”, pero a Xunta carece de estratexia e medidas deixando “orfos” aos galegos e galegas.
Un “traxe novo que nin lles gusta nin saben como vestilo” dende un goberno galego aínda con orientación ideolóxica de dereitas e neoliberal que demostra unha “ausencia total da nova política económica para a Galicia poscovid”. Por iso presentan unhas contas sen política industrial para afrontar o dobre desafío da transición á economía ecolóxica e dixital, carentes de política de I+D+i, sen compromiso coas infraestruturas, e que obvian ao medio ambiente”.
Uns orzamentos sen política de vivenda, cega ás necesitades de desenvolver o Estado do Benestar e de impulsar o gasto social, que si incrementa sen embargo o persoal de confianza mentres despide a máis de 800 profesores e máis de 500 sanitarios de reforzo aos que non renovan. En definitiva, dixo, “son os orzamentos do PP, pero non son os que os galegos do común necesitan”, que esquecen á mocidade, á que deixan sen políticas de emprego, nin de vivenda nin axudas ao estudo.
Fondos comunitarios
Lamentou que o PP aproveite o aumento dos fondos comunitarios e a política expansiva do goberno español para rebaixar os impostos das maiores rendas e patrimonios, sendo grave a emenda presentada polo PP na que “impiden que suba unha décima o tipo marxinal do IRPF dos galegos que cobran máis de 100.000 euros ao ano”. Mentres anuncian unha rebaixa do IRPF, a realidade é que baixarán 12 euros anuais a 800.000 galegos con rendas medias e 500 euros ás rendas máis altas. “Un mazazo á progresividade”.
Criticou que a Xunta continúe abrazada á teoría que sinala que a baixada de impostos é a vía principal para aumentar o crecemento económico, algo que “ninguén defende xa en ningún modelo económico do mundo”. Acusounos de impoñer a “economía dos free-rider, dos gorróns, cun discurso trampón de que baixamos os impostos a todos para financiar a sanidade, a educación e a política social”, unha “trampa propagandística da que ocultan as súas grandes alianzas cos sectores máis enriquecidos” mentres os fondos europeos e estatais permiten levar adiante políticas expansivas.
Caballero defendeu pola contra que coas políticas expansivas pódese impulsar un modelo social que prime a sanidade reforzando a Atención Primaria, que permita desenvolver un Plan de Saúde Mental ou unha nova política de persoal con mellores condicións para os profesionais sanitarios. Na educación defendeu a aposta polos comedores escolares, o aumento do profesorado, volver á gratuidade dos libros de texto ou a gratuidade das primeiras matrículas universitarias.
Reivindicou a posta en marcha da gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos “dende xa” sen agardar ao curso que vén, e medidas como o reforzo dos equipos de valoración da discapacidade. O obxectivo das emendas do Grupo Socialista, dixo, será mellorar uns Orzamentos que “non están á altura en materia de igualdade”, con máis fondos para os Centros de Información á Muller e apoio ás vítimas da violencia de xénero.
Modelo de financiamento
O responsable socialista tendeu a man a tódolos grupos parlamentarios “para traballar nun novo modelo de financiamento que teña en conta as necesidades específicas de envellecemento da poboación e tamén da dispersión” que aumentan os custes dos servizos públicos de Galicia. Sinalou que “Galicia non necesita dun modelo de cupo nin de concerto económico como no País Vasco, e tampouco un conflito dende a Xunta, senón ser parte da solución”.
Apuntou que “se conseguimos remar sen frentismos nun modelo de financiamento que favoreza aos galegos e ás galegas, estaremos conseguindo que nos seguintes orzamentos da Xunta haxa fondos, compromiso e política económica pensando na xente, nos galegos do común”.
AVE A GALICIA
Reclamoulle ademais ao presidente da Xunta e ao PP que “recoñezan a súa mentira e a súa falla de responsabilidade” cando hai un ano negaran que o AVE chegaría a Galicia antes de finais de 2021 e precisamente hoxe o presidente da Xunta ausentouse da Cámara para acudir á presentación do tren rápido.
Dixo que “os galegos e as galegas merecen políticos que digan a verdade” e non un PP instalado no mantra dos retrasos do AVE para “intentar lavarlle a cara a Ana Pastor, que ralentizou os investimentos, que meteu as obras na neveira cando era ministra e que hoxe levan unha labazada de realidade”.