O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, remarcou o “cambio transcendental” que vai supoñer para o aforro e a mobilidade dos galegos e as galegas a “rebaixa substancial” das peaxes da AP-9 que aprobou hoxe o Consello de Ministros, e que supón un compromiso cumprido polo Partido Socialista.
“Hoxe”, proclamou Caballero, “cumprimos con Galicia e cumprimos coa rebaixa histórica das peaxes da AP-9”, que “vai mudar as posibilidades da cidadanía galega” no que atinxe á mobilidade.
Así, lembrou que “a partir de hoxe moverse a través do eixo atlántico da AP-9 vai ser moito máis económico, porque a rebaixa que leva o Consello de Ministros adiante é substancial” e implica “2.300 millóns de euros de aforro ata o ano 2048”.
Neste escenario, o máximo responsable do PSdeG destacou que “hoxe damos un paso adiante na mobilidade para todos os galegos e galegas, que imos ter que pagar moitísimo menos para poder desprazarnos de norte a sur de Galicia”.
Ao tempo, o secretario xeral dos socialistas galegos avogou por “seguir avanzando e poñendo en valor que estamos adoptando decisións e levando a cabo feitos moi importantes” para o conxuntos das galegas e galegos.