O líder socialista advirte a Feijóo de que non pode usar a súa maioría para “pechar 600 camas de hospitais e empezar o curso despedindo profesores”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, levou hoxe á sesión de control do Parlamento a importancia de que a Xunta tome medidas para impulsar a reactivación de Galicia logo de seis meses “perdidos” á hora de poñer a funcionar a economía e de fortalecer os servizos públicos.
Nese escenario, o líder socialista reprochou a Feijóo a súa “ausencia” na tarefa da reconstrución, ata o punto de que “deu as costas” á comisión da reactivación e “nin tan sequera se dignou a votar onte no pleno o ditame e o uso dos fondos” que tiña consignados. “E que levan seis meses gardados no seu colchón”, censurou.
“Mentres os galegos e as galegas non poden pegar ollo polos problemas e dificultades que atravesan, a Xunta leva seis meses cos cartos gardados, sen poñelos a disposición da xente e dos concellos”, incidiu Gonzalo Caballero, sen esquecer os recortes que a Xunta está levando a cabo nos servizos públicos.
De feito, o responsable do PSdeG deu lectura a varios titulares nos que se evidencia o despido de profesores, o peche de camas de hospital, a falla de persoal nos servizos públicos ou o incremento das listas de espera no Sergas. “Para atopar unha cita en atención primaria hai que esperar ás veces ata 15 días. Listas de espera en primaria! O nunca visto!”, sinalou.
Ante a resposta de Feijóo esgrimindo o seu resultado electoral, Gonzalo Caballero recriminoulle que faga “como Rita Barberá, como Camps ou Ayuso”. “Vostede di: eu gañei as eleccións e, polo tanto, podo reducir 600 camas nos hospitais, podo iniciar o curso despedindo aos profesores, podo recortar os servizos sociais…”, criticoulle o socialista, antes de deixar claro que “con nós non pode contar para iso”
“A política é dar resposta aos problemas da xente, e os galegos e as galegas necesitan solucións”, subliñou o líder do PSdeG, antes de facer fincapé en que a Xunta “leva seis meses con 115 millóns de euros gardados no colchón, mentres os galegos e as galegas non podían pegar ollo ante as dificultades da terceira onda da pandemia”.
MAN TENDIDA FRONTE Á UNILATERALIDADE DO PP
“Os galegos e as galegas necesitan un goberno que reactive o país e vostede leva todo o que vai de ano sen facelo”, sentenciou Gonzalo Caballero, quen volveu tender a man a Feijóo pese á “decepción” de que o PP no fose quen de abandonar a “unilateralidade” para traballar en conxunto pola saída da crise.
“Vólvolle tender a man por responsabilidade, porque aínda poden vir curvas e queremos que o goberno de Galicia acerte polo ben dos galegos e das galegas”, recalcou o secretario xeral do PSdeG.