O portavoz parlamentario chama a manter “a folla de ruta compartida” do PSdeG cos sindicatos de clase e a seguir tecendo “unha coalición progresista con todos os ámbitos da sociedade galega”
O secretario xeral da UXT, José Antonio Gómez, amosa a súa preocupación pola “precariedade” do emprego en Galicia e reclama que a industria ”ten que ser o motor” da economía galega
Santiago, 5 de outubro de 2021. O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza co secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, con quen abordou “a resposta que temos que dar ás necesidades dos traballadores e das traballadoras” e ao conxunto da cidadanía galega para defendela ante a crise que estamos vivindo como consecuencia da pandemia.
Nese marco fixou Gonzalo Caballero esta nova xuntanza coa dirección da UXT, trala que defendeu que “desta crise temos que saír pola esquerda”, con “políticas progresistas” en materia de xeración de emprego e de reforzo do benestar e cunha “nova política industrial” que faga fronte á “dobre transición” -ecolóxica e dixital- e á modernización que ten que abordar Galicia.
Por iso defendeu “a acción conxunta, a folla de ruta compartida” cos sindicatos de clase e, nomeadamente, con UXT, “que é tamén a miña casa”. Trátase, como dixo, de seguir tecendo “unha coalición progresista con todos os ámbitos da sociedade galega” a fin de “construír un movemento de cambio para unha Galicia de progreso”.
Sobre todo, tal e como recalcou o voceiro parlamentario socialista, porque a Xunta non está actuando nun momento no que “todos sabemos que este ten que ser o curso da reactivación e da modernización” e que cómpre construír “un escudo de protección dos galegos e das galegas” para evitar “saír desta crise con máis desigualdade e menos cohesión social”.
“OS RETOS DA REACTIVACIÓN”
Así pois, coa vista posta na reactivación, Gonzalo Caballero sinalou que “os retos” pasan pola xeración de emprego de calidade, o fortalecemento do estado do benestar e a aposta polo tecido industrial para frear “os enormes riscos de desigualdade e ruptura social” que trae aparellados unha crise de tanta gravidade.
No que atinxe ao primeiro destes aspectos, aludiu aos datos de onte para subliñar o “déficit” que ten Galicia á hora de xerar emprego, posto que, nun momento no que o paro baixa en toda España, na nosa comunidade segue subindo. “Non haberá reactivación se non xeramos emprego de calidade”, evidenciou, para reclamar á Xunta que “priorice” esta cuestión e que oriente os fondos europeos cara este obxectivo.
Asemade, Gonzalo Caballero reprochou a Feijóo a súa “falla de compromiso” cos servizos públicos e as políticas sociais, ata o punto de que Galicia é unga das comunidades que menos inviste de toda España por cada persoa con dependencia segundo o informe da asociación estatal de directores e xerentes de servizos sociais.
Ao tempo, recalcou, “hai listas de espera en atención primaria, retrocesos na sanidade pública” e tamén moitas eivas na educación pública. “A ideoloxía do PP é reacia a impulsar os servizos públicos e as políticas de benestar”, subliñou o líder do PSdeG, quen requiriu “un cambio” tamén neste eido.
Finalmente, Gonzalo Caballero amosouse consciente de que “Feijóo non dá resposta aos problemas dos galegos e das galegas” tampouco no ámbito industrial, polo que reclamoulle que “asuma as súas competencias” nesta materia e deixe de ser “un escapista das súas responsabilidades”.
JOSÉ ANTONIO GÓMEZ: “COMPARTIMOS AS PREOCUPACIÓNS”
Pola súa banda, o secretario xeral da UXT, José Antonio Gómez, asegurou que “compartimos as preocupacións” ante os problemas de xeración de emprego de Galicia e sobre a mala calidade do existente, no relativo ás crises industriais e tamén á falla de políticas sociais por parte da Xunta.
“Co cambio de paradigma que trouxo esta crise requírense políticas de inversión pública”, defendeu o líder de UGT-Galicia, para fomentar “a cohesión social, o desenvolvemento industrial e o emprego de calidade”.
“Queremos salarios dignos e contratos non precarios”, subliñou Gómez, logo de recordar que nove de cada dez contratos asinados no último mes en Galicia foron de carácter temporal. En paralelo, alertou de que hoxe en Galicia hai 15.000 empregos industriais en risco, polo que esixiu ás administracións que “dean respostas”.
Nun contexto no que reclamou “máis transparencia e coordinación” cos axentes sociais para a orientación dos fondos europeos, o dirixente sindical non esqueceu tampouco o necesario reforzo das políticas de benestar. “Hai que reforzar os servizos”, concluíu.