O líder dos socialistas galegos anuncia un inicio de curso político centrado na defensa dos servizos públicos, a reactivación da modernización económica centrada no emprego e no impulso dunha arquitectura institucional ao servizo das persoas
O secretario xeral esixe ao presidente da Xunta “unha desculpa e unha explicación” por ter “faltado á verdade” ao negar que fora informado do baleirado dos encoros
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta que manteña a todos os profesores de reforzo e non rescinda contratos aos 1000 que quere despedir co inicio do curso, ademais de recuperar os libros de texto gratuítos e desbloquear a concesión sen custes das primeiras matrículas universitarias no SUG. Caballero fixo balance hoxe do inicio do curso político, que os socialistas galegos comezarán defendendo a educación pública fronte aos ataques e os recortes do PP.
“Non pode ser que a Xunta reciba unha morea de fondos dende o goberno de España e Feijóo néguese a fortalecer a educación pública, néguese a manter os profesores de reforzo, néguese a recuperar os libros de texto gratuítos e a permitir primeira matrículas universitarias sen custes ao estudantado”, resumiu. Así o dixo logo de lembrar que a Xunta ten recibido mais de 1.100 millóns de euros de fondos extraordinarios este ano, e que recibirá 828 do fondo anticovid ata novembro para defender a sanidade, a educación e as políticas sociais.
Explicou ademais que, ata o momento, o goberno galego mantivo que tiña contratado 2.200 profesores de reforzo durante o curso pasado, que se converterán en 1.200 no curso que comeza esta semana. Advertiu de que “Feijóo iniciará o curso despedindo a 1.000 profesores de reforzo” cando “hai fondos” abondo para poder mantelos precisamente no terceiro curso escolar afectado pola pandemia e, preguntou, “por que se nega” a “acompañar ás familias con dificultades”.
O portavoz do Grupo Socialista fixo hoxe balance das liñas mestras da acción política do PSdeG na Cámara autonómica, que pasa por “tender a man” para acadar acordos coa maioría parlamentaria no reforzo da liña de defensa dos servizos públicos, sinaladamente sanidade, educación e servizos sociais. Tamén se centrarán na reactivación e modernización económica coa creación de emprego de calidade no horizonte, e na consolidación dunha nova arquitectura institucional de calidade ao servizo das persoas.
Neste sentido, explicou o obxectivo de construír un “novo marco para Galicia que permita unha nova carta de cidadanía para os galegos e galegas” e non renunciar a, cando superemos a pandemia, “ter un Estatuto de Autonomía adaptado aos dereitos e necesidades do século XXI”.
Encoros
O líder dos socialistas galegos esixiulle hoxe ao presidente da Xunta que ofreza “unha desculpa e unha rectificación” logo de que a semana pasada se demostrara que “faltou á verdade” cando afirmou descoñecer os plans das concesionarias para baleirar os encoros. Apuntou que, segundo publicaron os medios de comunicación, a Xunta tiña constancia tanto por vía da Confederación Hidrográfica como da propia compañía enerxética.
“O presidente da Xunta non dixo a verdade, enganou aos galegos e ás galegas” na súa “fuxida cara adiante” para tapar a evidencia de que “non tomaron ningunha medida” para frear o baleirado, o que é “responsabilidade da Consellería de Medio Ambiente”, segundo figura na Lei galega de Pesca fluvial, evidenciando que “está fora de xogo”.
Así o dixo logo de que esta fin de semana “recoñeceron que estaban informados, e que tiñan posibilidade de frear a decisión ou sancionar ás concesionarias”. Non é senón dous meses despois, dixo, cando están a anunciar sancións ás empresas “tarde, mal e arrastro, sen desculparse” pola súa inacción en materia do baleirado drástico dos encoros galegos.
Dobre cara de Sanidade
Caballero censurou hoxe a “dobre cara” da xestión da sanidade por parte do goberno galego, que logo de criticar a estratexia de vacinación marcada polo goberno de España, agora a Xunta ten que “rectificar” e recoñecer o éxito da estratexia de vacinación do goberno de España que permitirá rematar setembro coa práctica totalidade da poboación galega vacinada. Mentres, lamentou, “nin teñen propostas nin medidas para solventar os problemas da Atención Primaria, as listas de espera e permitir que poidamos fortalecer a sanidade pública”.
Esta é a “outra cara” da sanidade galega, cun conselleiro que “non ten medidas nin propostas” e cun “Feijóo que segue danando á sanidade pública galega sen contratar persoal, sen solucionar os problemas da Atención Primaria e con máis listas de espera en cirurxía e especializada”.
Sinalou que “cando o conselleiro de Sanidade ten que falar da súa xestión pasa a falar da estratexia de vacinación que marcou o goberno de España -cando a Xunta mantivo conflitos que non levaron a nada-, pero non da conta do que está a pasar en Galicia”.