O líder do PSdeG emprazou á Xunta a valorar co comité clínico o retraso do toque de queda ata as 23,00 horas se non hai grandes repuntes de contaxios trala Semana Santa
O secretario xeral aposta por “actualizar” o Estatuto de Autonomía unha vez superada a pandemia cando se cumpren 40 anos da súa promulgación: “cremos no autogoberno”
O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Gonzalo Caballero, volveu ofrecer hoxe ao presidente da Xunta “man tendida” para “reforzar” o sistema de vacinación, a fin de corrixir as “eivas” dun proceso no que a Xunta nou administrou o 24% das doses recibidas ata o final do primeiro trimestre.
Todo iso, como sinalou o líder dos socialistas galegos, a pesares das “bravuconerías e falacias” de Feijóo sobre que a Xunta podería vacinar a 100.000 persoas ao día para ter a toda a cidadanía vacinada en oito semanas.
“A realidade”, sinalou Gonzalo Caballero, é que os datos do Ministerio de Sanidade en relación ao primeiro trimestre do ano evidencian que Galicia só administrou o 76% das vacinas, e que no caso dos maiores de 80 só o 64% tiñan unha dose e o 31% recibiran xa as dúas a 31 de marzo.
O dirixente socialista amosou a súa “preocupación” polo feito de que logo de tantos “anuncios baleiros” do presidente da Xunta, Galicia estea á cola do Estado en vacinación de maiores de 80 anos, só por enriba de País Vasco e Canarias no porcentaxe de vacinados. Ademais, sinalou que esta situación prodúcese días antes de que chegue a España outro millón de doses e á vista de que o sistema de Atención Primaria está “moi debilitado” pola derivación de persoal ao proceso de inmunización.
O goberno galego demostrou “incapacidade de xestión” na primeira fase da vacinación, e por iso Caballero fixo valer o compromiso formulado ao presidente da Xunta, na xuntanza mantida antes de Semana Santa, de acadar un consenso para reforzar o proceso de vacinación e o sistema sanitario galego. Sobre todo, dixo, porque ata 2.000 profesionais de enfermaría poden estár dedicados ao proceso de vacinación e só se contratou 200 traballadores extra para reforzar neste escenario a Atención Primaria.
“Outra proba” dese “debilitamento” da sanidade pública que implican as políticas do PP, como referiu o secretario xeral do PSdeG, é o feito de que a Xunta continúa a ofrecerlle aos MIR de cuarto ano contratos temporais de 15 días para “ir rotando entre os centros de saúde” da área de Vigo.
Lonxe de fortalecer a Atención Primaria, esta estratexia supón “invitalos a abandonar Galicia” na busca de mellores condicións laborais, mentres a cidadanía “ten problemas para conseguir cita” en atención primaria e a telemedicina revélase como “insuficiente”.
Nesta coxuntura, Gonzalo Caballero chamou a “aprender dos erros” para “non permitir que no segundo trimestre se repliquen as debilidades do primeiro”. Cómpre, remarcou, reforzar o dispositivo de vacinación e garantir maior estabilidade para o persoal de Atención Primaria.
AMPLIAR O TOQUE DE QUEDA
En paralelo, o secretario xeral do PSdeG chamou a manter a cautela diante da evolución da pandemia, pero emprazou á Xunta a valorar xunto co comité clínico a ampliación do toque de queda ata as 23,00 horas se non se produce un repunte de contaxios trala Semana Santa.
Ademais, Gonzalo Caballero explicou que, de acordo cos expertos que asesoran aos socialistas galegos no relativo á pandemia, contar cunha hora máis de actividade logo do cambio de hora permitiría tamén evitar as concentracións de persoas nas horas previas, o cal daría “garantías” fronte aos contaxios do virus.
REFORMA DO ESTATUTO
Finalmente, o máximo dirixente do PSdeG salientou que “unha vez superada a crise será o momento de estudar a reforma e mellora do Estatuto de Autonomía de Galicia” cando mañá se conmemoran os 40 anos da aprobación do texto.
“Galicia non pode quedar rezagada”, polo que cómpre “actualizar” o Estatuto para adecualo aos novos retos sociais e políticos do Estado das Autonomías.
Caballero lembrou o papel fundamental dos socialistas galegos no freo do denominado “Estatuto da Aldraxe” e para aprobar o actual texto, e ratificou o compromiso do PSdeG co federalismo e a cogobernanza no contexto da España plural e dentro da Constitución.
“Cremos no autogoberno e non temos unha posición pechada no pasado”, finalizou o responsable socialista, partidario de facer “un texto máis eficiente” na medida en que permitirá “mellores políticas” para Galicia.